Habilitarán un antigo inmoble de Calvo Sotelo e a subestación como arquivo histórico mineiro das Pontes

TerraChaXa
Desde o Concello das Pontes afirman que con esta iniciativa o que se busca é poder “asegurar o coñecemento e a difusión da cultura mineira na vila"
antigo-edificio-Endesa-As-Pontes-arquivo-mineiro
17 Apr 2025

O Concello das Pontes iniciará os trámites para habilitar un antigo inmoble da rúa Calvo Sotelo e a subestación como arquivo histórico mineiro e albergar toda a documentación xerada polas dúas compañías (Calvo Sotelo e Endesa) que explotaron a mina de lignito pardo do municipio.

Así, o executivo local solicitará a Endesa a cesión do inmoble, situado na entrada do municipio, na AC-861, para evitar a súa demolición, mellorar a súa estética e para albergar as máis de 300 caixas de documentación empresarial e industrial cedidas xa pola empresa eléctrica ao Concello das Pontes así como os múltiples obxectos e elementos históricos procedentes da mina que, na actualidade, custodia o concello en diversos inmobles de titularidade municipal.

O rexedor local, Valentín González, apunta que "para nós hai elementos patrimoniais que quedan da antiga Calvo Sotelo, como é este edificio, despois foi reutilizado por Endesa como centro de informática,  e como o antigo transformador da Calvo Sotelo que poden ter un uso útil e práctico para o Concello. Podemos empregalos como arquivo histórico do complexo mineiro eléctrico que na actualidade está localizado en diversas  ubicacións e deste xeito poderemos telo centralizado".

Por outra banda, o Concello traballa na elaboración dun convenio con Endesa para recepcionar toda a documentación que aínda está en posesión da empresa para, posteriormente,  avanzar na recuperación, organización e conservación de todos os fondos documentais existentes e poder constituír un arquivo histórico local da minería.

Desde o Concello das Pontes afirman que con esta iniciativa o que se busca é poder “asegurar o coñecemento e a difusión da cultura mineira na vila e poñer a disposición da investigación unha documentación moi importante para o estudo da industrialización en España e sobre todo, nun sector determinante para a economía durante o século XX.

⚙ Configurar cookies
0.15307188034058