Habilitarán unha explotación de porco celta na Granxa Gayoso Castro
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o protocolo de colaboración entre esta entidade, Campus Terra e ASOPORCEL para habilitar unha explotación de porco celta nas instalacións provinciais na Granxa Gayoso Castro co obxectivo de promover e mellora esta raza na provincia que se atopa en perigo de extinción.
Esta instalación estará ao servizo dos profesionais da Facultade de Veterinaria e da Escola Superior de Enxeñería para que desenvolvan proxectos de investigación que redunden na conservación e no impulso desta raza, así como dos criadores de porco celta para o crecemento e mellora xenética das súas cabezas.
Esta explotación funcionará como centro de reprodución e selección de animais, proverá aos produtores da provincia de novos exemplares e servirá tamén como centro de transmisión de coñecemento sobre a raza grazas aos proxecto que desenvolva o Campus Terra e que se porán a disposición dos profesionais deste sector.
Lugo é a provincia que conta co maior número de produtores de porco celta de Galicia. Estes representan o 40% dos existentes na comunidade autónoma.