“Hai anos que non viña tanta xente ao municipal ver baloncesto”
Manuel Crende, presidente do CB Terra Chá, que vén de sacar un equipo novo.
En que ano naceu o club?
Nacemos no ano 2010. Xuntámonos un grupo de xogadores que xa estabamos no Club de Baloncesto Vilalba e comezamos a xogar de novo e deunos por facer un club. Quixemos empezar de novo así que formármolo de cero. Nun principio eramos 12 os que arrancamos co proxecto. Agora somos arredor de 45 licencias, 17 en sénior masculino, 15 en feminino máis os 9 de premini.
Comezaron xa a competir dende o principio?
Si, arrancamos primeiro na Terceira División masculina e desde o principio a intención era ir ascendendo. Este ano conseguimos por fin ascender a Segunda División. Tamén temos un sénior feminino que saíu da canteira, comezaron en infantil e pasaron por cadete e júnior e agora son sénior e están na Segunda División tamén. E este ano sacamos un equipo novo, un preminibásquet mixto no que temos 9 fichas e que fixo o seu debut pechando a primeira fase da competición.
Canta xente teñen na canteira?
Ademais deste equipo de premini, con 9 fichas, temos nas escolas deportivas municipais un total de 43 nenos. De aí saíu este equipo. Antes da pandemia tiñamos pensado sacar algún equipo máis pero coa chegada da pandemia retrasouse todo porque quedou o tema dos horarios moi limitado. Logo viñeron os gromos e aínda foi a peor.
Foi complicado logo coa pandemia?
Foron tempos complicados, si, de feito, moitas escolas e clubs desapareceron, pasou en todos os deportes. Superámolo é certo, pero supuxo un parón na actividade e tamén un paso para atrás en moitas cousas. Para nós por exemplo foi difícil pero tivemos a sorte de seguir medrando en número de licenzas. Nós decidimos seguir adestrando pero rexeitamos competir mentres non se solucionase o problema.
Como vai a tempada e cales son os obxectivos?
O sénior masculino a meta principal é manterse xa que é o primeiro ano na categoría. Polo de agora levamos 7 derrotas e 5 vitorias e non hai queixa pero temos que seguir traballando. Ao sénior feminino estalle costando arrancar, ben é certo que as xogadoras melloraron moito para ter saído fai nada de júnior. O ano pasado quedaron últimas e este están máis arriba. E os pequeniños aí están, aprendendo que é o que teñen que facer. Estamos competindo con clubs que levan toda a vida así que hai que ser conscientes de que temos que pasar unha etapa de aprendizaxe. O importante é que están encantados, están aprendendo a xogar, compañeirismo… hai que saber que si perden, perden todos, e se gañan, tamén.
E proxectos a longo prazo?
Non podemos facer unha previsión porque nunca sabes como vai ser. Si para o ano que vén hai un grupo da mesma idade que se poida sacar equipo, intentaremos sacalo, pero sen forzar. Hai que ir pouco a pouco. O que está claro é que as escolas cada vez están medrando máis, os adestradores fan un gran traballo, os nenos divírtense e aprenden e cada ano aparecen máis. O neno que empeza con nós é raro que o deixe.
Que necesidades ten o club?
Economicamente imos arranxando. Somos un club pequeno e competir é caro pero todos están aportando, ben sexa poñendo cartos, ou poñendo os coches para os desprazamentos, por exemplo. Os problemas que temos é de espazo. Demandamos outro pavillón. Hai un proxecto no Mato Vizoso, que está para arranxar, pero non sabemos como están os tempos. Sería un bo lugar para que os nosos preminis adestraran porque así non ocupan o Municipal, que está moi demandado e é difícil atopar horas para adestrar. O Mato está moi obsoleto, vale para adestrar pero non para xogar porque está coas liñas antigas. Estamos esperando que empece a obra.
Que tipo de axuda teñen?
O Concello pórtase moi ben con nós, non nos podemos queixar. Non temos un patrocinador único, porque iso é difícil, son moitos cartos, pero temos moitos colaboradores, pequenos, que van aportando cartos e gracias a eles, estamos saíndo para adiante. Estamos moi agradecidos polo seu apoio e aportación e gústanos lembralos sempre nas redes sociais.
Que tal a afección?
Pois sempre está aí, apoiando. Unhas veces poden vir e outras non, depende dos horarios dos partidos, pero ás veces sorpréndente aparecendo a un partido entre semana. Non enchen o pavillón pero había anos que non se vía tanta xente no municipal para ver o baloncesto.
Realizades outro tipo de actividades fóra da competición?
Antes da pandemia, fixemos dous ou tres anos un campus polo verán, unha semana. Coa pandemia loxicamente parouse e o ano pasado non se fixo porque a situación non estaba clara pero temos intención de retomalo. Tamén colaboramos co 3x3 que organiza o Centro de Xuventude, con material, equipos e axuda.