Hipólito Xeada, de Alfoz, gaña o XXXVI Certame Galego de Arte do Belén de Begonte

Hipólito Xeada, natural de Alfoz, resultou gañador do XXXVI Certame Galego de Arte do Belén de Begonte co seu traballo titulado A ilusión do Nadal, unha obra coa que, segundo o xurado, conseguiu reflectir á perfección o ambiente característico do Belén de Begonte. O galardón corresponde ao Premio José Domínguez Guizán, dotado con 2.000 euros e diploma, dentro do certame de arte que rende homenaxe, nesta edición, á memoria de Manuel Gulín Rodríguez.
Xunto ao premio principal, o xurado decidiu conceder mencións de honra pola alta calidade das obras presentadas. Foron recoñecidos Manuel Carballeira Rivas, de Valdoviño, pola obra A Chaira; Andrés Gabarres Cagiao, de Ferrol, por Huellas del tiempo; e Santiago Lago Canzobre, tamén de Ferrol, pola obra Otoño en la ciudad.
Os premios serán entregados no acto de clausura do Belén de Begonte, previsto para o vindeiro 31 de xaneiro de 2026. Ademais, as obras participantes poden visitarse ata o 14 de xaneiro na Sala da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e posteriormente, do 15 ao 30 de xaneiro, estarán expostas na Casa da Cultura do Concello de Begonte.
O fallo foi emitido tras a reunión celebrada este martes na Sala de Arte da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, dun xurado composto por Aurelia Balseiro García, directora do Museo Provincial de Lugo; Gonzalo Sánchez Folgueira “Zalo”, pintor; Javier Arias Fouz, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo; Xulio Giz Ramil, presidente do centro convocante; e Sonia Varela García, da Comisión de Cultura do centro cultural convocante, que actuou como secretaria.