Hispania Nostra inclúe na súa Lista Roja a igrexa de Baroncelle, en Abadín, polo seu grave estado

TerraChaXa
O templo atópase en ruína e nun abandono practicamente total: o presbiterio permanece á intemperie, sen cuberta e totalmente invadido pola vexetación, unha situación que tamén afecta á sacristía
estado-igrexa-baroncelle
26 Nov 2025

A antiga igrexa parroquial de Santiago de Baroncelle, en Abadín, foi incorporada por Hispania Nostra á súa Lista Roja do Patrimonio debido ao avanzado estado de deterioro que presenta. O templo atópase en ruína e nun abandono practicamente total: o presbiterio permanece á intemperie, sen cuberta e totalmente invadido pola vexetación, unha situación que tamén afecta á sacristía. A fachada principal amosa unha notable erosión, perdeu o pórtico que a protexía e a porta sur está actualmente tapiada con ladrillo. Os muros presentan fendas e están igualmente cubertos de maleza, evidenciando unha degradación continua.

Esta igrexa, catalogada como ben protexido, conta cunha única nave con cuberta de lousa —hoxe moi danada—, un presbiterio máis elevado e unha sacristía adosada. A fachada conserva unha porta adintelada cun óculo sinxelo e unha espadaña barroca que, durante décadas, continuou sendo utilizada como campanario ao carecer del o novo templo parroquial. No interior mantéñense algunhas das basas e mesas dos antigos retablos, únicos vestixios dun patrimonio que se esvae aos poucos.

A súa historia remóntase, con toda probabilidade, ao século XVII. A mediados do século XX construíuse unha nova igrexa xunto ao templo antigo, o que motivou o traslado dos bens mobles e deixou o edificio histórico nun progresivo abandono. A inclusión na Lista Roja busca agora chamar a atención sobre a urxencia de actuar para evitar a perda definitiva dun patrimonio histórico e cultural de grande valor para Abadín e para a comarca.

⚙ Configurar cookies
0.069998025894165