Hispania Nostra visita o complexo industrial das Pontes que cualifica de "gran relevancia histórica"

TerraChaXa
A decisión de incluír todo o complexo na Lista Roja responde á "ameaza que supoñen os plans de desmantelamento previstos para a instalación", explican
vista-as-pontes-endesa-transicion
14 Jan 2026

Hispania Nostra considera que o patrimonio industrial das Pontes constitúe un conxunto de enorme relevancia histórica e arquitectónica que se atopa actualmente en situación de risco. Así o puxo de manifesto o arquitecto e doutor Alfonso Muñoz Cosme, membro do Comité Científico da Lista Roja da entidade, durante a visita técnica realizada este luns ás instalacións da antiga central térmica e ao complexo mineiro do municipio coruñés.

A visita, promovida pola Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial das Pontes en colaboración co Concello, serviu para analizar sobre o terreo o estado dun conxunto que foi incorporado recentemente á Lista Roja de Hispania Nostra, un rexistro que alerta sobre bens patrimoniais ameazados de deterioro ou desaparición.

Tras percorrer a central, o parque de carbóns e a contorna do lago, Muñoz Cosme destacou que se trata dun patrimonio industrial de primeira orde, con elementos singulares e pouco comúns, como a gran cheminea ou as propias estruturas do parque de carbóns. Segundo explicou, a decisión de incluír todo o complexo na Lista Roja responde á ameaza que supoñen os plans de desmantelamento previstos para a instalación.

O experto cualificou de razoable e coherente a reivindicación de conservar elementos emblemáticos como as torres de refrixeración ou a cheminea principal, ao lembrar que estas infraestruturas foron durante décadas motor económico e laboral da comarca. Na súa opinión, deberían manterse e reutilizarse con fins culturais e sociais.

Muñoz Cosme lembrou tamén que a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia recoñece expresamente o valor do patrimonio industrial e obriga á súa protección, conservación e posta en valor. Ademais, fixo referencia á carta internacional de Nizhny Tagil, que establece os criterios científicos para a defensa deste tipo de bens, fundamentais para entender o desenvolvemento das sociedades contemporáneas.

Desde a Plataforma en Defensa do Patrimonio Industrial insistiron na necesidade dunha cooperación real entre administracións e forzas políticas para que o proceso de transición industrial das Pontes non supoña a perda dunha parte esencial da súa identidade e memoria colectiva.

⚙ Configurar cookies
0.090447187423706