Históricos do PSOE súmanse ao manifesto crítico coa xestión do caso Tomé

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Entre as sinaturas figuran nomes de relevancia como os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, así como o exportavoz parlamentario do PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga
tourino
16 Dec 2025

Arredor de 350 persoas, entre elas destacados dirixentes históricos e cargos actuais do PSdeG, asinaron xa o manifesto crítico coa xestión da dirección socialista galega ante as acusacións de suposto acoso sexual contra José Tomé, expresidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte. O texto expresa o seu respaldo á dimisión de Silvia Fraga como secretaria de Igualdade do partido en Galicia.

Entre as sinaturas figuran nomes de relevancia como os expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe, así como o exportavoz parlamentario do PSdeG Xoaquín Fernández Leiceaga. Xunto a eles, sumáronse tamén outros referentes do socialismo galego, como o exalcalde da Coruña e exdelegado do Goberno Javier Losada, ademais de Ricardo Varela e Francisco Cerviño. En total, arredor dun cento de homes subscribiron o documento.

Nas últimas horas incorporáronse tamén militantes con responsabilidades institucionais, como o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o senador Rafael Rodríguez Villarino; e o concelleiro socialista de Corcubión Jorge Domínguez Castro.

O manifesto foi impulsado inicialmente por sete alcaldesas socialistas, encabezadas pola rexedora da Coruña, Inés Rey, e conta xa co apoio de máis de 230 mulleres. Entre as asinantes figuran alcaldesas como María Barral (Betanzos), Uxía Oviedo (Maceda), Marta Guiráldez (Meis), Marisol Morandeira (Guitiriz), Paula Fernández (Silleda), Patricia Domínguez (A Pobra de Trives) e Asunción Morgade (Rairiz de Veiga).

Tamén se sumaron concelleiras de Igualdade, edís de distintos concellos, deputadas provinciais, excargos institucionais e históricas socialistas, como Carmen Morón, Marisol Soneira, Margarita Pérez Herráiz ou Carmen Cajide.

No texto, as asinantes manifestan “estupor, vergoña e unha inevitable desafección co partido” ante as denuncias de acoso sexual presentadas contra cargos socialistas, e defenden a traxectoria de Silvia Fraga, cualificando a súa dimisión como “un acto de compromiso feminista”. Ademais, reclaman unha actuación firme para esclarecer os feitos, protexer ás vítimas e preservar a integridade das institucións, subliñando que non pode haber espazo para a impunidade nin para ningunha forma de violencia machista dentro da organización.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, reiterou o compromiso do Partido Socialista coa defensa das vítimas e a loita contra a violencia de xénero ao referirse á xestión da denuncia interna por un suposto caso de acoso sexual contra o ex presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé, asegurando que o protocolo do partido actuou de maneira inmediata con medidas rápidas e contundentes.

Blanco subliñou que o PSOE seguirá avaliando e reforzando os seus mecanismos internos para previr este tipo de condutas e garantir a protección das vítimas, reafirmando que o feminismo e a loita contra calquera forma de acoso ou discriminación constitúen un sinal de identidade da formación.

⚙ Configurar cookies
0.08751106262207