Hostaleiros da Terra Chá recibiron máis de 600.000 euros en axudas
Nos últimos meses os hostaleiros da Terra Chá recibiron máis de 600.000 euros en axudas para contribuír a paliar as perdas polos períodos de parálise e de restricións e procurar a máxima seguridade no desenvolvemento da súa actividade.
Na Terra Chá concedéronse ata a data 231 achegas, das que 214 corresponden á primeira convocatoria do Plan de rescate e suman 424.300 euros en axudas directas.
Outras 17 axudas enmárcanse no programa para acondicionar terrazas ou adquirir elementos de empaquetado de produtos para domicilio posto en marcha pola Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape); o importe concedido na comarca é de 178.100 euros e supón o 80% do orzamento mobilizado polos hostaleiros (222.600 euros).
A maior parte do investimento realizado destinouse á instalación de peches estables ou desmontables así como outros elementos móbiles tales como toldos, biombos, cortaventos, parasoles e tarimas accesibles. En concreto, mobilizáronse para este fin 131.800 euros.
Outros 61.600 euros investíronse na adecuación estética e funcional das terrazas, mediante a renovación do mobiliario, instalación de sistemas de iluminación e de aparatos calefactores exteriores, así como actuacións de mellora da fachada exterior do local.
Por último, 29.200 euros foron destinados á adquisición de elementos sostibles de envasado e empaquetado de comida e bebidas para o servizo de entrega a domicilio ou de recollida no propio local.
No municipio vilalbés rexistráronse en concreto seis achegas ao abeiro deste programa, por un importe global de 63.000 euros, e 154 achegas do primeiro Plan de rescate cun total de 267.400 euros.