Hoxe abre o centro de día de Guitiriz e contan co PAI para o día 7 de setembro
O Concello de Guitiriz abriu hoxe o centro de día muncipal, que permanecía pechado dende que se decretou a alerta sanitaria. O servizo reanúdase logo de adoptar todas as medidas de prevención e de seguridade que marcan os protocolos fixados polas administracións competentes. Para evitar problemas, a incorporación dos maiores farase de forma progresiva e os primeiros días só acudirán a metade dos usuarios. Farán unha segunda quenda ao 75% do aforo antes de volver a encher as instalacións no prazo dun mes.
Ademais, os usuarios que permanezan nos seus fogares seguirán a contar con asistencia domiciliaria, a que se puxo en marcha cando deu comezo o confinamento.
O traballo realizado durante todo este tempo contará coa supervisión dun técnico especialista que será tamén o encargado de vixilar que se cumpran as distancias de seguridade e o resto de protocolos establecidos entre os que figura quendas de comida e transporte e limpeza de superficies.
O PAI
Por outra banda, esperan poder abrir o día 7 de setembro o Punto de Atención a Infancia (PAI), que conta en Guitiriz cun total de 30 matrículas, aproximadamente a metade de nova incorporación. Este seguirán os mesmos protocolos de seguridade que o resto de centros para evitar o contaxio e haberá para elo un período de adaptación, incrementando o horario de asistencia gradualmente. A ocupación será dun máximo de 20 menores por quenda.