Ialma actuará en Vilalba o venres
O grupo internacional de cantareiras belga Ialma volta aos escenarios galegos para homenaxear a Rosalía de Castro. As catro cantareiras, fillas da emigración, estarán en Vilalba o venres 25 de febreiro na súa xira por Galicia.
O grupo Ialma está composto por catro mulleres loitadoras e concienciadas coa esencia máis tradicional, a contemporaneidade e a fusión das culturas que conviven en Bruxelas. Os seus traballos, característicos por reflectir a súa propia historia e a de tantos/as emigrantes, leva 20 anos percorrendo o mundo polos mellores festivais de música folk, de raíz, de fusión e divulgación.
Con sete discos no mercado, Ialma volta a Galicia con cancións do exilio e temas profundos que conviven con outros máis festivos e bailables para homenaxear a Rosalía de Castro. Ao igual que a poeta galega, Ialma é un horizonte de esperanza que ama a música, a poesía, a danza, a xente.
A actuación terá lugar no auditorio municipal de Vilalba a partir das 20.00 horas.