Identificado como membro do PP o autor do roubo dunha cancela na aldea de Carelle

TerraChaXa
O Concello puxo a denuncia e alega que, unha vez restituída, presenta danos visibles, con cortes e unha colocación deficiente
cancela-danos-muras
5 Feb 2026

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, presentou unha denuncia ante a Garda Civil polo roubo dunha cancela na aldea etnográfica de Carelle, un espazo actualmente deshabitado e sen uso. A investigación iniciouse tras a revisión das cámaras de seguridade instaladas na zona, nas que se puido identificar un vehículo relacionado cos feitos.

Segundo explicou o rexedor, as pescudas permitiron determinar que o autor do roubo foi un veciño do municipio que formara parte da candidatura do Partido Popular nas últimas eleccións municipais, aínda que non chegou a obter acta de concelleiro. O propio implicado recoñeceu os feitos e, segundo indicou o alcalde, admitiu que actuou de maneira impulsiva, procedendo a devolver a cancela ao seu emprazamento orixinal ese mesmo día.

A pesar da devolución, o Concello manterá a denuncia, xa que a cancela presenta danos visibles, con cortes e unha colocación deficiente, polo que a administración local reclamará danos e prexuízos polos desperfectos ocasionados.

Manuel Requeijo tamén sinalou que esta persoa mantén desde hai tempo unha actitude moi crítica co goberno municipal, expresada a través das redes sociais, nas que protagoniza un enfrontamento aberto co equipo de goberno.

Pola súa banda, o Partido Popular de Muras asegurou, a través da súa portavoz Eugenia Requeijo, que tivo coñecemento do sucedido unicamente a través dos medios de comunicación. Desde a formación indicaron que non realizarán valoracións sobre o ocorrido e precisaron que se trata dunha persoa que, aínda que integrou a lista electoral, nunca chegou a exercer responsabilidades institucionais nin formou parte da corporación municipal.

⚙ Configurar cookies
0.07597279548645