Abadín celebra o día 17 a XIII edición de Expogrelo
O día 17 de febreiro o concello de Abadín fará a XIII edición de Expogrelo. A coñecida feira de exaltación do grelo, que se celebrará no Recinto Ferial de Gontán, como é costume. As edicións celebradas ata agora serviron para comprobar que a tradicional fama deste cultivo atopa boa saída nos compradores. A feira mostrará a calidade e sabor do grelo que se produce nesta zona da Terra Chá e que conta con merecida fama.
O grelo está nesta época do ano no seu momento de máis consumo. Cocidos e pratos de lacón abundan nestas datas nos menús de moitas familias e de restaurantes. Aínda que as condicións meteorolóxicas non foron as óptimas para este cultivo, pola falta de choiva e pouco frío ata agora, espérase que se poñan á venda uns 2.000 quilos de produto, unha cifra semellante á de anos anteriores, o mesmo que a cifra de visitantes, que se espera será similar a outros anos onde achegábase moita xente de Asturias e da Mariña lucense.
O Concello de Abadín decidiu apostar no ano 2006 por celebrar unha feira anual dedicada a este produto e ademais apoiar aos productores que hai no municipio. A IXP Indicación Xeográfica Protexida de Grelos de Galicia naceu en outubro de 2009 para axudar a produción como a comercialización e a distribución deste alimento tan característico de Galicia. É por iso que o día antes da celebración de Expogrelo os 20 productores censados no concello de Abadín e baixo a IXP recollen, seleccionan, pesan, empaquetan e etiquetan manualmente cada unha das madas que ao día seguinte poñen á venda na feira, asegurando deste xeito a máxima frescura e calidade.
Os actos comezará ás 09.00 horas coa designación dos stands e a numeración das cestas. Ás 10.00 horas levarase a cabo a apertura da feira, ás 12.00 horas dará inicio a animación musical e ás 12.30 horas os presentes poderán degustar este delicioso alimento da cociña galega na carpa que o concello porá cun menú de 1 euro que inclúe caldo e empanadas de cocido, pulpo... e ademáis inclúe a cunca de recordo. Ás 13:00 horas terá lugar a recepción de autoridades. Os actos finalizarán ás 14.00 horas co fallo do xurado e a entrega de premios. Tamén haberá uns 50 postos de artesanía, casetas do pulpo e de churrasco.