Ilda Gregorio gaña o concurso de fotografía de Sotavento

Un ano máis, o Certame Renovable de Fotografía de Sotavento, que xa vai pola súa décimo terceira edición, fixo entrega dun premio de 400 euros en metálico á súa gañadora. A fotografía seleccionada polo xurado, entre as máis de vinte presentadas, foi Viaxe xélida entre algodóns de Ilda Gregorio Corral, natural das Pontes de García Rodríguez.
O principal obxectivo deste certame fotográfico, no que pode participar calquera persoa sen límite de idade cunha imaxe do Parque Eólico Experimental Sotavento, é dar a coñecer o mundo das enerxías renovables en xeral e a idea de Sotavento en particular.
Lembramos que tras un curso académico con lista de espera e que se aproximou aos 900 visitantes de media ao mes, Sotavento permanece aberto durante os meses de verán (días laborais) en horario de 10:00 a 14:00 horas para aquelas persoas que queiran visitalo, previa cita no teléfono 652 80 81 73 (tamén whatsapp). Deste xeito, as actividades estivais en Sotavento, estarán especialmente dirixidas a familias, turistas e todo aquel que queira achegarse a coñecer as nosas instalacións e descubrir a realidade das enerxías renovables e a eficiencia enerxética dun xeito dinámico e lúdico. O custo da actividade é de 3€/persoa.