“Ímonos centrar no polígono e na promoción dos asociados”

TerraChaXa
Moisés Carballeira, novo presidente da Asociación de Empresarios Sete Pontes Falamos co novo presidente dos empresarios de Vilalba, que nos explica os proxectos de futuro da asociación, da que vén de facerse cargo.
Foto Presidente sete pontes
24 sep 2023

Moisés Carballeira, novo presidente da Asociación de Empresarios Sete Pontes

Falamos co novo presidente dos empresarios de Vilalba, que nos explica os proxectos de futuro da asociación, da que vén de facerse cargo.

Como afronta este novo reto como presidente?

Eu fun elixido presidente por votación despois de levar xa oito anos na directiva. Como presidente vou traballar polos intereses dos socios, que somos os membros do polígono e tamén de todos os asociados que temos en Vilalba. O meu traballo vai a ser preocuparme principalmente polo desenvolvemento do polígono e por todos os asociados. 

En canto ao polígono de Sete Pontes, ten algunha necesidade?

No polígono sobre necesidades grandes e pequenas teño sobre vinte, entre elas por exemplo a ampliación do polígono. Temos demanda de chan industrial é unha gran necesidade para poder acoller a empresas que queren instalarse aquí.  Unido a isto tamén nos gustaría ter unha gardería, temos que realizar un estudo sobre as empresas con xente traballadora entre os trinta e cincuenta anos e ver cantos nenos hai para saber si é viable poder instalar unha gardería. Para min outro dos puntos importantes a tratar é o mantemento do polígono en canto a limpeza de cunetas e da rede de sumidoiros, asegurar os colectores de lixo nos momentos que sexa necesario. Tamén a ordenación de tráfico e coches e camións vellos, ter un local no polígono onde colocalos e ordenalos. O obxectivo é ter un polígono limpo que é un aspecto que penso que está moi descoidado. 

Cantos membros forman parte da asociación?

Actualmente socios do polígono somos cento tres empresas e asociados correspondentes ao sector do comercio uns oitenta ou noventa e do sector da hostalería uns setenta. 

Cal é a diferencia entre os socios e os asociados?

A nivel económico os socio pagamos sobre os metros que temos de parcela e a edificación no polígono, realízase un cálculo para saber o que lle corresponde pagar a cada un. Os asociados pagan unha cota fixa o ano. No resto teñen os mesmos dereitos, información, defensa e calquera cousa que os socios. 

Que iniciativas realizan dende a asociación?

Nós ímonos a preocupar principalmente do polígono e da promoción dos sectores asociados. Seguiremos realizando as iniciativas de promoción para que tanto comerciantes como hostaleiros aumenten as súas vendas, o que eu si que lles vou a pedir e que colaboren, que veñan as reunións e aporten ideas e que participen dunha maneira activa na asociación. 

Vai haber algún cambio na asociación?

Tivemos algunha baixa na asociación e tamén a incorporación de xente nova. No sector de comercio e sector hostaleiro incorporáronse dúas persoas novas e dentro do polígono tamén hai dúas ou tres novas incorporacións. Esperamos que isto traia novas ideas e novos puntos de vista.

Cales son os principais obxectivos da asociación?

O principal obxectivo é que o polígono medre máis e que teña novos servizos que tamén lle permitan crecer. Se medra o polígono, medramos nós e medra todo ao redor. 

Como é a situación actual do comercio na vila?

Está ben, pero podería estar mellor. Temos que ir todos a unha e traballar en conxunto aportando ideas e ademais é necesario poñernos un pouco ao día porque na actualidade vai todo moi rápido. Unha das cousas que nos están pasando por riba é internet e as grandes multinacionais, iso está aí e temos que afrontalo e renorvarnos para poder competir. É necesario facer cousas novas e diferentes para atraer ao público e xente de fóra. Está habendo unha transformación no mercado que fai necesario un cambio sobre todo nestes momentos que a economía non está moi brillante.

0.1455979347229