Imparten en Campeiras unha charla sobre saúde mental

Este mércores, 3 de decembro, ás 19:30 horas, terá lugar no local da Asociación de Veciños Campeiras unha charla sobre saúde mental no entorno familiar, impartida por Chelo Carballal Balsa. A relatora é enfermeira especialista en saúde mental, licenciada en Psicoloxía e posúe varios postgraos neste ámbito. Ata o ano 2024 desenvolveu o seu labor como enfermeira no hospital de día de saúde mental do Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide, Profesor Novoa Santos e Hospital Naval.
Ao longo da súa traxectoria profesional formou parte de numerosos grupos de traballo, comisións e comités, ademais de exercer como docente en escolas universitarias de enfermería. Participou como poñente en xornadas e congresos tanto nacionais como internacionais, e é autora ou coautora de máis de trinta publicacións. Mantivo sempre unha forte vinculación co movemento asociativo da saúde mental, chegando a ser vicepresidenta da Asociación Española de Enfermería en Saúde Mental.