Imparten en Cospeito un taller sobre xestión das emocións este xoves

A Casa da Cultura da Feira do Monte acollerá o vindeiro 23 de outubro, entre as 17:00 e as 21:00 horas, o obradoiro titulado Xestión das emocións, unha actividade gratuíta organizada pola asociación de Mulleres Rurais Cousas Nosas en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns.
A sesión será impartida por Jenifer Souto Pérez, enfermeira, educadora e psicóloga, quen abordará cuestións fundamentais relacionadas coa saúde emocional e o benestar persoal. O obxectivo principal do obradoiro é ofrecer ferramentas prácticas para aprender a xestionar as emocións, manexar o estrés e a ansiedade e favorecer a adaptación óptima a situacións de cambio.
A actividade é de balde, e as persoas interesadas poden inscribirse a través de calquera membro da directiva de Cousas Nosas.
Este encontro preséntase como unha oportunidade para reflexionar sobre a importancia da intelixencia emocional e mellorar o equilibrio persoal nun ambiente participativo e próximo.