Imparten na Casa das Insuas un curso de ilustración da natureza
Este mes dará comezo na Casa das Insuas o Curso de ilustración da natureza do 2024, impartido pola debuxante Mariana Roura e organizado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio, no que se poden aprender as bases para debuxar a natureza.
O curso contará con catro sesións ao longo do ano: 24 de marzo (as aves das Insuas), 28 de abril (pequenos mamíferos das Insuas), 26 de maio (a flora das Insuas) e o 23 de xuño (composicións naturalistas: como retratar pequenos tesouros).
Pódese realizar o curso completo ou as sesións que se escollan. A primeira sesión terá lugar o día 24 de marzo, de 10:30 a 14:00 na Casa das Insuas, Rábade. A inscrición para este está aberta e para os outros abrirase uns 10 días antes de cada sesión. Esta debe facerse en www.custodiadoterritorio.org/actividades. As prazas son limitadas.
Esta actividade inclúese dentro do acordo de custodia do territorio asinado entre a AGCT e a Deputación de Lugo para a conservación, investigación e divulgación da natureza nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte e na Reserva da Biosfera de Terras do Miño.