Imparten un obradoiro de Musicoterapia en Muimenta

TerraChaXa
O obxectivo principal deste taller é previr e mellorar a saúde física e mental a través da música
taller-musicoterapia
12 Apr 2025

O venres 25 de abril, o Centro Médico de Muimenta acollerá un Taller de Musicoterapia, que se desenvolverá de 16:00 a 20:00 horas. Este taller está dirixido á poboación adulta e é totalmente gratuíto. As persoas interesadas en participar poden inscribirse na Mercería Teresa ata o 21 de abril.

O obxectivo principal deste taller é previr e mellorar a saúde física e mental a través da música. Buscouse promover tamén o mantemento cognitivo, social, motriz e emocional, logrando benestar e autorrealización persoal entre os participantes.

Entre os obxectivos específicos do taller atópanse a estimulación da memoria, o fomento da atención e concentración, mellorar a autoestima, crear un espazo para a expresión emocional, traballar a mobilidade e o equilibrio físico, e favorecer as relacións sociais para combater o illamento que pode producirse en certas etapas da vida.

O programa do taller inclúe actividades como a reflexión sobre o son, o ruído, o silencio e a música, identificar estilos musicais adecuados para cada grupo, e traballar co corpo e a voz para percibir sensacións musicais. Tamén se fará canto de cancións tradicionais galegas e o uso de instrumentos musicais para fomentar a creatividade e imaxinación. Ademais, haberá momentos de baile con sinxelos movementos corporais para promover a distensión e o lecer.

O taller será impartido por Damián Cairo Touriño, profesor de música no Conservatorio Profesional da Coruña. A actividade está aberta a todas as persoas adultas interesadas en participar e disfrutar dos beneficios da musicoterapia.

⚙ Configurar cookies
0.16330790519714