Impulsan desde As Pontes un consorcio para a reciclaxe química de téxtiles
Ence Enerxía e Celulosa impulsa a creación do Consorcio Galego para a Reciclaxe Química de Téxtiles Postconsumo desde As Pontes, onde a compañía está a desenvolver un proxecto piloto para a reciclaxe de téxtiles, como parte do seu proxecto de bioplanta para a produción de celulosa reciclada e branqueada.
A compañía, explicou a través dun comunicado, aposta por promover nas Pontes un "polo de innovación industrial". Para iso, este consorcio autonómico axuntará o coñecemento e a experiencia de distintas empresas, centros tecnolóxicos e universidades galegas, para desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i enfocadas á reciclaxe química de téxtiles postconsumo.
En concreto, as entidades que inicialmente formarán parte deste Consorcio galego son a startup sueca ShareTex, o Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago de Compostela (Cretus), o grupo EQ2 da Universidade de Vigo, Cetim Technological Centre, Aimen Centro Tecnolóxico e as empresas do sector da reciclaxe téxtil Insertega e Coleo.
A reciclaxe química, destaca Ence, permite recuperar unha maior gama de materiais que a reciclaxe mecánica, por exemplo aqueles cuxa composición presenta mestura de compoñentes (como sucede na maioría de produtos téxtiles), integrándoos de novo na cadea de valor téxtil ou en produtos de alto valor engadido.
O obxectivo desta iniciativa é, así, fomentar a actividade investigadora para dar solución a este problema e dotar a Galicia dunha planta piloto para verificar a viabilidade de escalar estas tecnoloxías de reciclaxe. Esta tecnoloxía, ademais, abre a porta á posibilidade de construír no futuro unha planta comercial que absorba o impacto rexional do actual incremento na xeración de residuos téxtiles que non poden ser reciclados mediante outras tecnoloxías xa implantadas na industria.