Impulsan en Guitiriz un novo curso de atención sociosanitaria para persoas en situación de vulnerabilidade

A Fundación Ecca Social continúa a súa aposta pola formación en atención sociosanitaria coa posta en marcha dun novo curso no concello de Guitiriz, dirixido a persoas en situación de vulnerabilidade e/ou risco de exclusión social. A iniciativa enmárcase no Programa de Apoio á Inclusión Sociolaboral e conta coa colaboración do Concello de Guitiriz e da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade.
A acción formativa desenvolverase entre os meses de febreiro e xuño na Escola Habanera e estrutúrase en distintos módulos teórico-prácticos orientados á atención integral de persoas dependentes. O programa inclúe contidos relacionados coa interrelación, comunicación e observación da persoa dependente e do seu contorno, o apoio nas xestións cotiás, o mantemento e a rehabilitación psicosocial no domicilio, así como tarefas de xestión, aprovisionamento, cociña, limpeza e organización do fogar.
O prazo de inscrición permanecerá dispoñible ata o 4 de febreiro. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición nos Servizos Sociais do Concello de Guitiriz ou solicitar máis información chamando ao teléfono 982 37 01 09, extensión 1.
Con esta iniciativa, a Fundación Ecca Social e as administracións colaboradoras buscan mellorar a empregabilidade das persoas participantes e dar resposta á crecente demanda de profesionais cualificados no ámbito da atención á dependencia, contribuíndo ao mesmo tempo á inclusión social e laboral no ámbito local.