Impulsan o recoñecemento internacional da Serra do Xistral como Paisaxe Emblemática Mundial

A Reserva da Biosfera Terras do Miño, e de maneira moi destacada as turbeiras da Serra do Xistral, incorpórase á rede de Global Flagship Landscapes, promovida por Wetlands International, unha organización de referencia global en conservación e restauración de humidais.
Este fito internacional reforza o papel das turbeiras atlánticas do noroeste ibérico como ecosistemas singulares e estratéxicos para a biodiversidade, a regulación hidrolóxica e a acción climática.
A iniciativa foi liderada cientificamente polo profesor da USC Xabier Pontevedra Pombal, pertencente ao grupo de Estudos medioambientais aplicados ao patrimonio natural e cultural (GEMAP) e ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), e polo Centro Ibérico de Restauración Fluvial (CIREF).
A acción enmárcase no contexto de SpongeBoost, proxecto Horizon Europe que procura escalar a función “esponxa” dos ecosistemas de auga doce e solos: reter auga no territorio, amortecer extremos hidrolóxicos e xerar beneficios múltiples para sociedade e natureza mediante solucións baseadas na natureza.
Terras do Miño foi declarada Reserva da Biosfera no ano 2002 e abrangue 363.668,9 hectáreas (ha) e 26 concellos na conca alta do río Miño. No seu ámbito intégranse espazos da Rede Natura 2000, entre eles a ZEC Serra do Xistral (22.964 ha), onde se localiza un conxunto salientable de queirogais húmidos, e o principal núcleo de turbeiras do sur de Europa.
Na estratexia global Wetlands for Life (2026–2035), Wetlands International aposta por fortalecer o seu traballo en 12 ‘flagship landscapes’ como territorios demostrativos nos que a acción sobre humidais pode acelerar cambios transformadores. A organización lembra que os humidais sosteñen servizos ecosistémicos de valor económico moi elevado, malia teren sufrido unha perda global moi significativa desde comezos do século XX.
Para Terras do Miño–Serra do Xistral, que é o único territorio europeo nesta rede, o recoñecemento tradúcese en visibilidade internacional, maior capacidade de cooperación técnica e impulso de proxectos de seguimento e restauración. Mais tamén supón unha responsabilidade: manter a integridade hidrolóxica das turbeiras, previr degradacións e demostrar resultados medibles de conservación e mellora ecolóxica.
“Este recoñecemento reforza o papel e a responsabilidade da USC na ciencia aplicada á conservación: as turbeiras son infraestruturas naturais para a auga, o clima e a biodiversidade, e a súa protección é unha prioridade compartida coa sociedade e coas administracións”, explican dende a iniciativa.
SpongeBoost é un proxecto de Horizon Europe cun consorcio internacional que elabora unha folla de ruta e recomendacións para incrementar ou restaurar a retención natural de auga no territorio, aliñada coas políticas europeas de adaptación climática e conservación da biodiversidade.