Impulsan unha actuación para restaurar 7 hectáreas de turbeira de cobertor no Xistral

TerraChaXa
A Deputación de Lugo impulsa unha actuación para restaurar 7 hectáreas de turbeira de cobertor na Serra do Xistral.
turbeira de cobertor no Xistral
11 Ago 2021

Técnicos do LIFE in Common Land deseñaron un trineo para poder realizar a saca de madeira nos montes da Balsa de Muras sen impactar estes hábitats tan sensibles

A Deputación de Lugo impulsa unha actuación, no marco do proxecto LIFE in Common Land, para restaurar 7 hectáreas de turbeira de cobertor na Serra do Xistral. Unha iniciativa que foi consensuada coa comunidade veciñal de montes da Balsa, no concello de Muras, e que pretende recuperar unha zona que foi degradada coa plantación de masas arboradas a mediados do século XX.

Técnicos do LIFE construíron un trineo para poder realizar a saca de madeira sen impactar neste hábitat tan sensible e de interese prioritario na Unión Europea. “Trátase dun hábitat moi fráxil, polo que non está permitido o paso con maquinaria pesada, a zona de actuación sitúase no fondo dun val moi inaccesible e con moita pendente”, explica César Blanco, enxeñeiro de montes pola USC e técnico do proxecto LIFE.

Logo de meses traballando no deseño e planificación da actuación, decidiuse realizar una corta manual, levar a cabo o arrastre e amoreamento mediante tracción animal -con cabalos e coa asociación APTRAN- e realizando a saca dende a pista máis próxima. Un tractor tirará dun cable que arrastrará un trineo deseñado exclusivamente para esta acción. Este trineo é de aceiro e conta con 4 metros de longo e 1,8 de longo. 

Está previsto que os traballos comecen este mes e que as actuación duren en torno a dúas, tres semanas.

LIFE in Common Land é un proxecto que xurde co propósito de mellorar e traballar nas ameazas que afectan aos hábitats do Xistral, como son as alteracións na composición do paisaxe, a degradación dos hábitats pola actividade humana ou o cambio climático. 

A Deputación de Lugo, que lidera este programa que conta con fondos europeos e no que colaboran as universidades de Santiago (USC) e da Coruña (UDC), trata de conservar e xestionar os hábitats que forman parte da Serra do Xistral e construír espazos de colaboración orientados ao desenvolvemento medioambiental e socioeconómico da zona montañosa norte da provincia.

0.19662094116211