Inaugurado na Pastoriza o novo local social de Pousada
A localidade de Pousada, na Pastoriza, conta desde este domingo cun novo local social, que contou cun investimento total de 100.000 euros, financiados integramente pola Deputación Provincial.
O presidente da Deputación, Darío Campos, asistiu ao acto de inauguración, xunto co alcalde da localidade, Primitivo Iglesias. Os veciños da parroquia festexaron esta xornada cunha comida de confraternidade.
Campos Conde avanzou “hoxe vimos de facer realidade unha demanda dos veciños de Pousada con esta nova dotación, que contribuirá a mellorar a calidade de vida de todos eles. E facémolo, traballando sempre dende unha Deputación social, rural e coas persoas. Con este investimento de 100.000 euros inauguramos unha nova dotación da que desfrutarán todos, e que contribuirá a realizar novos proxectos nesta parroquia, como ciclos de teatro, charlas ou cursos que xa demandan os veciños como a ximnasia de mantemento”.
O Alcalde agradeceu a implicación da Deputación con esta nova dotación. “A parroquia de Pousada conta cun novo local social grazas ao investimento do Goberno da Deputación. Hoxe damos por rematado un proxecto que naceu no ano 2016, e que se converteu nunha realidade grazas ao empeño de todos os veciños desta parroquia, cos que traballamos conxuntamente para inaugurar hoxe este local ", explicou.
As obras desta nova dotación executáronse en dúas fases. Na 1ª, levada a cabo no ano 2016, investíronse preto de 50.000 euros para rehabilitar a edificación que xa estaba construída, mellorando o tellado, así como a ampliación de toda a infraestrutura. Na 2ª fase, acometida no 2017, e con outros 50.000 euros, realizouse o acondicionamento interior. Concretamente realizáronse traballos de fontanería, electricidade e pintura, ademais da pavimentación dos chans, así como a dotación de mobiliario como mesas e sillas ou electrodomésticos.
Este novo local social de Pousada (situado no alto da parroquia), ten unha capacidade para unhas cen persoas, no seu interior hai unha oficina para a asociación de veciños, unha cociña con parrilla e estufa, un almacén e servizos, e un baño adaptado para discapacitados.