Inauguran este mércores en Guitiriz o local legado a AECC por Xosé Luís Campo Ansede
Este mércores, 4 de decembro, ás 17:00 horas, terá lugar en avenida de Lugo, nº 9, a inauguración dun local legado por Xosé Luís Campo Ansede á Asociación Española Contra o Cancro (AECC). Este acto servirá para lembrar e recoñecer a xenerosidade e o espírito altruísta desta figura destacada de Guitiriz.
O evento contará coa presenza de familiares do finado, representantes da AECC de Lugo, do Concello de Guitiriz, así como de entidades como Xermolos, Cáritas, e a asociación de fútbol local, xunto cos membros da Xunta Local de Guitiriz.
Este acto é unha oportunidade para poñer en valor o legado de Xosé Luís Campo Ansede, "unha persoa cuxo compromiso coa comunidade deixou unha pegada imborrable" din desde a organización. Ademais, animan á cidadanía a participar neste emotivo recoñecemento e a difundir a importancia de exemplos como o del. "Será unha homenaxe a unha vida dedicada a axudar aos demais", conclúen.