Incorpóranse novas asociacións veciñais da provincia de Lugo á Federación Lucus Augusti

A Federación de Asociacións Veciñais da provincia de Lugo Lucus Augusti segue consolidando a súa presenza como referente do movemento veciñal tanto na cidade como no conxunto da provincia.
Nas últimas semanas, a entidade recibiu a solicitude de incorporación de trece novas asociacións, o que supón un novo impulso á súa actividade e ao seu papel como rede de unión e representación do tecido asociativo veciñal.
As entidades que solicitaron recentemente a súa adhesión son a Asociación de Veciños de Aiaz (O Saviñao), a Asociación de Veciños de Cela-Becerreá (Becerreá), a Asociación de Veciños e Comerciantes Poeta Díaz Castro do barrio do Castiñeiro (Lugo), a Asociación de Mulleres Rurais de Saldanxe-Amuruxe (A Pastoriza), a Asociación Deportiva de Pesca “Club Río Ladra” (Begonte), a Asociación de Veciños e Cultural “Augas Férreas de Vileiriz” (O Páramo), a Asociación de Maiores e Xubilados de Lugo e o Rural (Lugo), a Asociación Veciñal e Cultural Os Campaneiros (Cervantes), a Asociación de Veciños de Frexulfe do Valadouro (Alfoz), a Asociación de Veciños de San Salvador do Outeiro das Camoiras, a Asociación de Veciños de Mourence (Vilalba), a Asociación de Veciños de Codesido (Vilalba) e a Asociación Liga Santaballesa (Vilalba).
Desde a Federación, valoran moi positivamente estas incorporacións e subliñan que a forza do movemento veciñal reside na unión e no traballo conxunto. Ademais, avanzan que en breve se anunciará a entrada doutras dez asociacións que se atopan actualmente en trámite de adhesión.