Indignación en Muras por quedar de novo sen médico
O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, volveu facer pública a súa indignación co que está a suceder no centro médico xa que volveu quedar o centro sen médico un día máis "novamente sen comunicación por parte da Xunta nin a nós nin aos veciños".
No centro médico de Muras atende de xeito habitual un médico, un enfermeiro e un administrativo pero debido aos días de descanso do facultativo, o Sergas non cubre con outro médico a falta polo que o Concello quedan sen atención sanitaria.
Esta situación xa foi denunciada polo alcalde o venres pasado. "Este agravio agudízase na medida en que dende a Administración xestionada polo Partido Popular, nin sequera deixaron aviso, nin ao concello, nin á veciñanza. Non é a primeira vez que fan este tipo de manobras dende o Sergas, e parece que se está convertendo nunha tónica dominante nos últimos tempos", afirmaba e insiste Requeijo ante a repetición da situación.
O alcalde de Muras declara xa o venres que “é unha tomadura de pelo aos veciños e ademais que o fagan así, sen avisar. Unha auténtica falta de respecto do Sergas aos veciños que se atopan enfermos”. Manuel Requeijo engadiu que “o PP non fai mais que desmantelar os servizos públicos esenciais, como este de atención primaria de saúde. Despois veñen con programas e mil historias para evitar o despoboamento no rural. ¿Como non se van a marchar as familias, si continuamente pasan estas cousas? Están botando a xente do rural a patadas, a base de destruír os servizos básicos. Aínda estamos esperando a que o PP faga algo na Xunta para que volva unha entidade bancaria ao concello”.
PARQUE TEMÁTICO
O alcalde de Muras afimou que "é vergoñento o trato que nos dá a Xunta e o Partido Popular, creando inseguridade na xente que vive aquí". Di tamén que "de Muras só se lembran para recadar impostos. Somos o parque temático da Xunta en cuestión enerxética porque recadan cada ano 2,2 millóns de euros das eléctricas de aquí e a Muras só nos deron 500.000 euros do fondo de compensación".
Engade tamén que "en Muras temos moitos problemas por resolver e a Xunta non se implica cos concellos só lle importan os intereses das grandes multinacionais". Requeijo asegura que nos últimos anos recadáronse no termo municipal das eléctricas un total de 22 millóns de euros e a Muras só chegaron 5 millóns.
Afirma así mesmo que "parece que non lles interesa que haxa veciños en Muras, como eu que protesto, para seguir adiante coas políticas das expropiacións".