Industria presenta a Alcoa dúas propostas de continuidade para San Cibrao
O secretario xeral de Industria e Peme do ministerio de Industria, Comercio e Turismo, Raül Blanco, presentou hoxe na reunión da Mesa de Traballo multilateral sobre o futuro da planta de Alcoa en San Cibrao (Lugo) un Plan Industrial a dez anos con dúas propostas de viabilidade para a planta.
Na súa exposición, Blanco sinalou que “Alcoa non é neutral na evolución dos prezos, senón que orixina os cambios de prezo, o que xera situacións coñecidas no mercado do aluminio; é difícil entender que sexa unha casualidade.” Despois mencionou as situacións das plantas da compañía norteamericana en Québec (Canadá), Ferndale (Washington, EEUU) e Córcega (Francia): “O de San Cibrao non é un fenómeno illado, vivímolo na Coruña e Avilés. Vén dunha estratexia corporativa do oligopolio dos produtores de aluminio, que xera as consecuencias que estamos a ver”. Posteriormente mencionou o caso do acordo asinado por Alcoa en Noruega, “O acordo de Noruega é perfectamente reproducible en Lugo. Non creo que construír un parque eólico sexa máis barato nin máis competitivo en Noruega que en Galicia, e non creo que a alúmina en Noruega sexa máis competitiva que en San Cibrao. Pode haber novas iniciativas que dean continuidade e viabilidade industrial a San Cibrao, tanto en alúmina como en aluminio primario”.
No encontro, Blanco presentou un Plan industrial a dez anos con dúas propostas enmarcadas nun contrato bilateral con varias fontes enerxéticas (gas de alta eficiencia de 100/200 MW, parque eólico de 400 MW e parque fotovoltaico de 800 MW) e un prezo de enerxía nun rango de 25 a 35 MW/ h a partir dos instrumentos actualmente en curso e da entrada de socios: “É o prezo que pediu a Xunta, os traballadores e a empresa. O prezo da enerxía non é o problema. San Cibrao é viable, pódese facer un PPA coa vista posta no futuro, producir hidróxeno verde e introducir un proceso de produción máis limpo e sostible”, sinalo Blanco; “ademais, as tendencias van favorecer, porque nunha contorna de longo prazo imos a prezos máis baixos, grazas á implantación das enerxías renovables”.
Blanco engadiu que “hai xente disposta a entrar como socio enerxético ou como socio industrial; se hai vontade, hai solución, pero depende da empresa”, e deixou moi claro que “esta proposta é incompatible con presentar un ERE pasadomañá; se Alcoa quere, estaremos a axudar, e se Alcoa non quere, que venda a instalación e que deixe paso a outros”.
Ao longo da reunión expresou a súa sorpresa porque a Xunta “aliñouse contra o Goberno, dando osíxeno a Alcoa”, e sinalou que “se se inicia o Expediente de Regulación de Emprego, a outra parte da Administración existe, e intervirá. Será a autoridade laboral, é dicir, a Xunta, a competente para xestionar o proceso. Espero que o conselleiro sexa esixente coa empresa para defender os dereitos dos traballadores de San Cibrao”.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, incidiu en que as medidas adoptadas polo Goberno son insuficientes e explicou que os contratos bilaterais non impide o peche da planta de aluminio de Alcoa San Cibrao, xa que os seus efectos empezarían a notarse a medio e longo prazo. Por iso, volveu solicitar que se publique no BOE a convocatoria da poxa de interrompebilidade para o segundo semestre; que se concreten as compensacións por emisións de CO2 ata o máximo permitido pola Unión Europea; así como que se aprobe un estatuto –prometido polo Goberno central hai máis de ano e medio– no que se concrete un marco eléctrico competitivo para a industria electrointensiva, atendendo ás alegacións presentadas.
Do mesmo xeito, o conselleiro, que solicitou á empresa que paralice o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) mentres se busca unha solución, sinalou ao mesmo tempo que o Goberno debe reaccionar e poñer sobre a mesa medidas que garantan un prezo eléctrico competitivo para a planta de San Cibrao a curto, medio e longo prazo.
Na reunión interviñeron o conselleiro de Economía e Industria da Xunta, Francisco Conde, o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, o presidente de Alcoa en España, Álvaro Dourado, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, e os responsables autonómicos de industria de UXT (José Luis Combarro e Javier Carreiro), CCOO (Víctor Ledo e Xoan Xosé Bouzas) e CIG (Paulo Carril). Tamén asistiron a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, o director xeral de Industria e Peme do Ministerio, Galo Gutiérrez, o director xeral de Industria e Minas da Xunta, Anxo Bernardo Tahoces, o director Xeral do IGAPE, Juan Manuel Cividanes, o subdirector adxunto de Enerxía Eléctrica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Carlos Redondo, e varios representantes do comité de empresa de San Cibrao.