Iniciada a contratación das obras da residencia na Casa da Botica en Guitiriz

TerraChaXa
O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e representantes da plataforma veciñal Falemos Claro, avanzou que o Executivo da Deputación aprobou na Xunta de Goberno o novo proxecto da residencia na Casa da Botica e o inicio da contratación das obras con 1,6 millóns.
1
17 Dec 2018

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto á alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín Rodríguez, e representantes da plataforma veciñal Falemos Claro, avanzou que o Executivo da Deputación aprobou na Xunta de Goberno o novo proxecto da residencia na Casa da Botica e o inicio da contratación das obras con 1,6 millóns.

Campos Conde destacou que “é un día de alegría para todos, especialmente para os veciños de Guitiriz, pois despois dunha longa loita e moitos atrancos por fin facemos realidade este proxecto social, xusto e necesario para os guitiricenses. Polín Rodríguez salientou que “é un día de felicidade. Remata unha dobre loita: recuperar a Casa da Botica e ofrecer aos nosos maiores unha residencia no seu Concello”. Carmen Lamela, representante de Falemos Claro, plataforma que recolleu máis de 2.500 sinaturas dos veciños de Guitiriz -que representan a metade da poboación- en defensa deste proxecto, destacou que “é un día moi especial. Presentáronse moitos conflitos técnicos, pero sabíamos que isto era cuestión de vontade política”.

No Pleno Extraordinario do Concello aprobouse o novo proxecto, cun incremento de 400.000 euros con respecto ao anterior. O PP volveu a votar en contra. Dita formación política, sempre se opuxo a este proxecto, feito que supuxo a súa paralización durante anos.

“En abril de 2011, asinei coa Deputación o convenio para facer a residencia. Logo tivo lugar o cambio de Goberno Municipal, deixe a Alcaldía e seguín loitando como Deputada para manter este investimento e este proxecto porque era necesario para Guitiriz. Houbo un grande movemento veciñal en apoio á residencia. No 2015, outra vez na Alcaldía, cremos que por fin todo ía saír. Pero o proxecto non cumpría coa normativa urbanística, tiña que agardar pola aprobación do PXOM, tamén paralizado durante 4 anos. Finalmente, fixemos unha modificación con axuda da Deputación e atopamos unha solución. Non foi nada doado. Quero agradecer todo o apoio da Deputación e especialmente de Darío. Sinto que este apoio non sexa unánime”, remarcou a Rexedora.  

A Deputación achega ás obras 1,4 millóns de euros e o Concello 200.000 euros, supoñendo un total de 1,6 millóns. A alcaldesa explicou que o municipio ten remanentes para esta achega pois decidiron reducir en 50.000 euros ao ano os custos políticos con respecto ao anterior Goberno local, aforrando a cantidade necesaria xa co obxectivo de sufragar o centro de maiores.

Trátase dun novo proxecto, pois o anterior contemplaba unha residencia e un centro de día. Regina Polín recuperou a antiga Casa dos Peóns Camiñeiros, habilitando un centro de día na mesma, que xa está en funcionamento. A residencia na Casa da Botica contará con 26 habitacións con posibilidade de seren dobres, podendo ofrecerse ata 52 prazas.

Durante o prazo legal correspondente coa contratación das obras de 1,6 millóns, o Concello tramitará a concesión da licencia municipal para iniciar os traballos de construción a comezos de 2019.  

Características

O conxunto final da edificación da Casa da Botica constará de tres plantas e disporá de 26 habitacións individuais para uso normal, que poden converterse en habitacións dobres, e 1 habitación, a maiores, para uso de enfermería por residentes que precisen unha atención sanitaria importante.

A planta baixa do edificio existente reformarase para albergar a cociña e zonas de servizo anexas, o comedor, o despacho de dirección, os aseos adaptados e unha sala de reunións, así como un distribuidor e unhas escaleiras que comunicarán esta planta coas superiores. Na zona de nova construción situarase o acceso principal da residencia, a recepción, o monta-padiolas (que servirá tamén de ascensor), un pequeno almacén de roupa, 5 dormitorios para residentes, con cuarto de baño adaptado cada un deles, así como os vestiarios e aseos do persoal. Nesta parte do edificio situarase outra escaleira que unirá esta planta coas altas.

A primeira planta albergará na zona do edificio existente unha sala multiuso, un local para fisioterapia, un ximnasio, un despacho médico, unha habitación de enfermería con baño incorporado adaptado, e dous aseos para uso para uso xeral adaptados. Na parte de nova construción haberá 6 habitacións cada unha delas cun baño adaptado incorporado e un local para baño geriátrico, así como unha pequena zona de estar.

Na segunda planta, na parte correspondente ao edificio existente, haberá 9 habitacións cada unha delas con baño adaptado incorporado, mentres que a parte de nova construción albergará 6 habitacións con baño adaptado cada unha, así como un pequeno local para almacén e útiles de limpeza.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17728996276855