Iniciados os campamentos de verán de Area e A Devesa

TerraChaXa | AMariñaXa
Máis de medio millar de rapaces inaugurarán nos vindeiros días a campaña de campamentos e campos de voluntariado programada pola Consellería de Política Social para este verán na provincia de Lugo.
3 Xul 2019

Máis de medio millar de rapaces inaugurarán nos vindeiros días a campaña de campamentos e campos de voluntariado programada pola Consellería de Política Social para este verán na provincia de Lugo.
Poñeranse en marcha os campamentos de Area (Viveiro), Portomarín, A Devesa (Ribadeo), Palas de Rei e Os Peares (Carballedo), así como os campos de voluntariado de Quiroga e Xermade, e a actividade Conecta con Galicia na capital, para maiores de 18 anos e na que poden participar mozos de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior.
Ao longo dos meses de xullo e agosto iranse sumando outras localizacións e sucedendo as quendas, ata alcanzar un total de 34 accións nas que participarán máis de 2.200 persoas organizadas en grupos de idade: os máis pequenos teñen entre 9 e 11 anos, e no outro extremo hai actividades para a mocidade, dos 18 aos 30 anos.
O campamento xuvenil da Devesa iníciase con dous grupos entre os días 5 e 14 de xullo para dúas propostas,  Multiaventura: ambiente e mar e Acampada a carón do mar, con actividades similares adaptadas aos distintos grupos de idade, entre elas surf, kaiak-surf, bodyboard, snorkel con scooter, rocódromo, xeocaching, rastrexo, tiro con arco, xincana, aula de natureza, ruta e  acampada, entre outros.
En Area, tamén do 5 ao 14, desenvolverase o campamento sobre Ambiente mariño e náutica, no que os rapaces e rapazas practicarán vela, windsurf, wakeboard, kaiak, aula da natureza mariña, snorkel, tiro con arco, xeocaptura, longboard, raid brúxula, skimboard, paddlesurf, cometas de tracción, palas e volei praia.

0.13972282409668