Inician as expropiacións para a rotonda da N-VI en Outeiro
A Demarcación de Estradas do Estado en Galicia vén de someter a información pública o levantamento de actas previas para a ocupación de terreos co fin de construír unha glorieta na Nacional-VI, en Outeiro de Rei, prevista no quilómetro 513,670 da Nacional- VI e que teñen un orzamneto de de 365.472 euros.
Este nudo de estradas soporta un intenso tráfico, xa que serve de entrada e saída de Outeiro de Rei para acceder á A-6. Tamén conflúe alí a avenida Terra Chá, unha das principais, e a estrada autonómica LU-115. Neste lugar hai un carril central de acceso co fin virar á esquerda para acceder a este vial, que vai a Castro de Rei, desde a Nacional-VI.
Son moitas as protestas e peticións que se sucederon ao longo do tempo para pedir unha solución a este lugar para mellorar a seguridade viaria neste punto para vehículos e peóns, así como para axustar a velocidade media do tráfico na travesía da capitalidade municipal.
O proxecto prevé a modificación do paso de peóns na LU-115 co fin de evitar retencións na glorieta.
A relación de afectados polas expropiacións expoñerase no taboleiro de anuncios do Concello, na Unidade de Estradas do Estado en Lugo, situada na Rolda da Muralla, e na Demarcación de Estradas na Coruña, na rúa Antonio Machado. Os expropiados están citados para o día 3 de xuño na casa do concello de Outeiro de Rei.