Instalan dúas torres en Oleiros e Belesar, en Vilalba, para mellorar a cobertura móbil

TerraChaXa
As torres de comunicación adoitan instalarse en terreos cedidos por particulares, por comunidades de montes ou polos propios concellos
torres-electricas-comunicaciones-belesar
21 Mar 2025

A Xunta instalou dúas torres de comunicación para mellorar a cobertura móbil no concello de Vilalba. As novas infraestruturas están situadas nos lugares de Montaña e Cabanas, nas parroquias de Belesar e Oleiros, respectivamente.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou a zona para anunciar o novo servizo. Explicou que a Administración autonómica, a través da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), está a instalar torres públicas en distintos núcleos rurais lucenses que precisan mellorar as conexións de telefonía móbil.

Estas actuacións forman parte dun convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para identificar as zonas nas que persistían problemas de cobertura e corrixir a situación.

As torres de comunicación adoitan instalarse en terreos cedidos por particulares, por comunidades de montes ou polos propios concellos. A Xunta sufraga a execución destas infraestruturas e o equipamento que permite dotar de cobertura aos núcleos de poboación, este último a través da concesión dunha achega á compañía operadora.

Arias puxo en valor estas actuacións “que supoñen unha importante mellora para as comunicacións no rural, que entendemos fundamental para o desenvolvemento económico e para que se asente poboación neses núcleos de poboación”. Lembrou ademais que a construción das torres en zonas rurais de toda a comunidade é complementaria aos compromisos do Estado, que é o que ten as competencias en telecomunicacións.

⚙ Configurar cookies
0.44266200065613