Instalan en Cervo contedores para a poda

TerraChaXa | AMariñaXa
Instalan en Cervo contedores para a poda. Situaranse en lugares estratéxicos en cada parroquia e recolleranos periodicamente
20 Dec 2020

O Concello de Cervo comezará a instalar nos vindeiros días máis dunha decena de colectores de cor negro para a xestión dos restos vexetais e de poda xerados pola veciñanza, que se situarán en lugares estratéxicos en cada parroquia e que a Administración local se encargará de recoller con carácter periódico.

Tal e como explican o rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, estamos na data do ano propicia para desenvolver estas tarefas nas nosas fincas “polo que queremos facilitarlles tamén á veciñanza estes traballos cos que se xera habitualmente gran cantidade de restos vexetais”.

Méndez tamén quere animar ás familias que aínda non o fixeron a que se sumen ao programa de compostaxe doméstico que temos en marcha desde o 2011. A día de hoxe -explica- máis de 200 fogares cervenses xa autoxestionan os seus residuos facendo uso do composteiro que lles entregamos de xeito gratuíto. A edil recorda que desde o Concello “ofrecemos formación e apoio aos usuarios para a súa instalación e facemos un seguimento periódico da correcta utilización do recipiente”.

Trátase dunha experiencia enriquecedora e tremendamente positiva para todas as partes implicadas e en todos os aspectos, recoñece.

Así mesmo está aberto o prazo para participar no pedido conxunto de árbores froiteiras cuxas solicitudes están dispoñibles na Casa da Cultura e na Casa do Concello.

0.1848669052124