Instalan en pasos de peóns de Vilalba luces led para mellorar a seguridade

TerraChaXa
Trátase dunha proba, polo que de momento só se instalaron nalgúns pasos de peóns, naqueles con peor visibilidade
luces-leds-paso-peons
7 Nov 2024

A Concellería de Infraestruturas Urbanas de Vilalba iniciou un novo plan piloto que supón a instalación de luces led viais nos pasos de peóns do noso casco urbano para mellorar a súa visibilidade.

En concreto trátase de luces led recargables con placa fotovoltaica que se activan de forma automática na escuridade e servirán para sinalizar os pasos de peóns.

A alcaldesa da localidade, Marta Rouco, explicou que se trata "dunha proba, polo que de momento só se instalaron nalgúns pasos de peóns, fundamentalmente naqueles con peor visibilidade, para comprobar o seu funcionamento e utilidade".

Unha vez se confirme o correcto funcionamento das novas luces led viais, o Concello prevé instalar un total de 75 dispositivos ao longo de todo o casco urbano.

"Este tipo de luces led permite alertar aos condutores da existencia do paso de peóns para que extremen as precaucións e así evitar posibles atropelos ou accidentes", sinalou o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández.

Con esta iniciativa o Concello ratifica o seu compromiso coa seguridade vial, pois súmase ao recente repintado de pasos de peóns levado a cabo ao longo do casco urbano que permite detectar con maior facilidade a existencia dos mesmos.

0.19915819168091