Instalan novas marquesiñas na praza Maior de Muimenta e en Castro de Rei
A praza Maior de Muimenta, en Cospeito, conta cunha nova marquesiña para mellorar o servizo ás persoas usuarias do transporte público neste punto da estrada autonómica LU-120, no que teñen parada seis liñas de autobuses do municipio, catro delas de transporte escolar e dúas xerais, de conexión con Meira e Lugo.
A súa instalación enmárcase dentro do Plan de mellora de refuxios de paradas dos servizos de transporte público impulsado pola Xunta, que incorpora marquesiñas elaboradas con madeira de piñeiro e con deseños integrados na paisaxe, con versións adaptadas aos ámbitos rural e urbano.
Aa nova estrutura substitúe a outra marquesiña que se cederá ao Concello de Cospeito para que a poida reutilizar noutro punto do municipio segundo as súas necesidades.
Na elección do deseño tivéronse en conta factores como a transparencia, amplitude, posibilidade de adaptación ou a resistencia. Cumpren as normativas vixentes de prevención de incendios, resistencia de materiais ao lume, actos vandálicos e seguridade viaria.
En Castro de Rei instaláronse dúas marquesiñas na estrada LU-113, que une Roazas con Abadín. Están situadas en Duarría, nas inmediacións do cemiterio parroquial e no cruce de Bagoi.