Instalan un novo punto limpo móbil no campo da feira de Vilalba
O Concello de Vilalba anuncia a posta en funcionamento do novo Punto Limpo Móbil, co obxectivo de facilitar a correcta reciclaxe por parte dos veciños e veciñas.
Este servizo, que estará instalado esta semana no Campo da Feira para comezar despois a percorrer as diferentes parroquias, consta dun remolque adaptado e compartimentado no que se deberán depositar os diferentes tipos de residuos para os que non existe colector na vía pública.
“Dende o Concello de Vilalba consideramos que forma parte das nosas responsabilidades o fomento de actuacións que melloren a xestión dos residuos no noso municipio, e por iso poñemos en marcha este servizo”, subliña a alcaldesa, Elba Veleiro, que hoxe pasou polo punto limpo móbil co concelleiro de Rural e Medio Ambiente, Ignacio Criado.
“Este punto móbil únese a outras accións levadas a cabo neste mandato encamiñadas a concienciar e a axudar na correcta reciclaxe en orixe”, engade a rexedora.
O Concello irá anunciando nos próximos días as datas e lugares nos que se irá instalando este Punto Limpo Móbil, que favorecerá a reutilización e a correcta eliminación dos residuos.