Instalarán unha nova caldeira de gas e ampliarán a cociña e o comedor no CEIP de Outeiro

TerraChaXa
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dotará dunha nova caldeira de gas natural e ampliará a cociña e o comedor do CEIP Laverde Rúiz de Outeiro de Rei, actuacións para as que reserva un orzamento próximo aos 100.
26 Xul 2019

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dotará dunha nova caldeira de gas natural e ampliará a cociña e o comedor do CEIP Laverde Rúiz de Outeiro de Rei, actuacións para as que reserva un orzamento próximo aos 100.000 euros

Esta obra dá continuidade á mellora das instalacións deste colexio executadas no curso pasado e na que se investiron máis de 800.000 euros e que consistiron basicamente en ampliar as instalacións e o número de aulas coa construción dun segundo andar.

Os traballos consistirán na construción dun novo cuarto de caldeiras no exterior do colexio, no que se instalarán os equipos de climatización que darán servizo a todas as instalacións, incluídas as novas, e  aproveitar que a antiga sala de caldeiras queda baleira e sen uso para ampliar a cociña e o comedor do colexio.

As empresas interesadas en optar a este contrato teñen ata o 1 de agosto para presentar as súas ofertas. A licitación, coas características concretas da obra, xa está accesible no portal de contratos de Galicia.

O contrato contempla tamén outras obras adicionais, como son a eliminación dos depósitos de combustible, xa sen uso, que daban servizo á antiga caldeira, a colocación de máis radiadores para mellorar as condicións de climatización aproveitando os novos equipos, a mellora do pavimento fronte ao edificio principal, que presenta certo deterioro e a mellora da rede de recollida de augas pluviais, entre outras.

A Consellería de Educación está a desenvolver un importante esforzo inversor na mellora dos centros educativos da provincia, de cara a ofrecer as mellores instalacións posibles ao alumando e profesorado dos centros e as mellores garantías de confort e calidade para o conxunto da comunidade educativa.

 

0.13055610656738