Instan á Deputación a cumprir o acordo de amañar estradas en Xove

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Grupo Provincial do Partido Popular, que dirixe Elena Candia, insta ao presidente da Deputación a facer cumprir o convenio asinado en 2018 co Concello de Xove para o arranxo de estradas.
471f10a7 4100 48c8 8058 4620573e9eba
8 Nov 2019

O Grupo Provincial do Partido Popular, que dirixe Elena Candia, insta ao presidente da Deputación a facer cumprir o convenio asinado en 2018 co Concello de Xove para o arranxo de estradas. O acordo incluía o acondicionamento das LU-Ps 2601 (de Xove a Portiño de Morás) e 2604 (de Xove a Valcarría), pero, na actualidade, o organismo lugués aínda non fixo nada ao respecto do seu cumprimento e, todo elo, a sabendas de que o remate dos traballos, segundo se especifica no documento, está fixado para finais deste ano.

O vicevoceiro, Javier Casteiñeira, supervisou o estado destes viais, a petición do rexedor local, co fin de que dende o Grupo Provincial se solicite ao dirixente socialista o inicio inmediato das obras, pois na 2604 incluso os veciños, en sinal de protesta, colocaron uns eucaliptos nas fochancas existentes. 

“Cremos que o presidente e responsable de Vías e Obras ten que exercer a súa responsabilidade. E isto pasa por facer cumprir o que se asina. Está a piques de rematar o ano e nada sabemos que pensa facer con este convenio e, moito nos tememos, que non vai facer nada. Queda algo máis dun mes para que expire o prazo do mesmo. É matematicamente imposible que as obras se fagan en tempo e forma cando aínda non foron iniciadas”, denuncia. 

Javier Castiñeira, asegura, ademais, que o presidente “discrimina aos veciños da Mariña por cores políticas”. Un exemplo claro é a estrada que vai de Xove a Viveiro (LU-Pn2607) e na que o treito deste último concello está en perfectas condicións, pero o que pertence ao primeiro municipio presenta claras deficiencias e un deterioro notable. 

“A Deputación é a casa dos Concellos. Iso é o que nos venden pero a realidade é que só lle dan cariño a quen lles interesa, tal e como puidemos tamén comprobar nesta estrada”. Por este motivo, dende o Grupo do PP piden a Tomé “que deixe de lado os intereses partidistas e faga cumprir os acordos e lles dea a todos os veciños as mesmas oportunidades, xa que, do contrario, o que está facendo é crear cidadáns de primeira e de segudo, como pasa con Xove”, afirma.

0.18154692649841