Institutos da provincia acreditan o seu nivel de portugués
Un total de 279 alumnos de 23 institutos de toda Galicia poderán acreditar de balde o seu nivel de portugués co apoio da Xunta. Son os seleccionados na nova convocatoria pola que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP facilita que os alumnos de centros que imparten lingua portuguesa poidan participar nas probas Camões Junior para certificar o seu nivel de competencias nesta lingua.
Galicia é a primeira comunidade autónoma en subscribir un acordo deste tipo co Instiuto Camões que, ademais, deriva da aplicación da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa o vínculos coa lusofonía. Ademais, están en marcha programas como Escolas de fronteira ou Ponte nas Ondas para fomentar a relación dos escolares de ambos os países.
En total realizarán estas probas, totalmente gratuítas para as familias, 181 alumnos de 4º de ESO e 98 de 2º de Bacharelato. Todos eles cursan Portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira no seu centro.
Entre os centros figuran os de Ordes e Culleredo (Rego de Trabe) na provincia da Coruña, o IES Ánxel Fole de Lugo e o Poeta Díaz Castro de Guitiriz. En Ourense inclúese O Couto.
Probas en liña
As probas, que se realizan a través dunha plataforma electrónica, consisten nun único exame para avaliar o grao de desempeño global nas competencias de comprensión e de expresión oral (un 50% da puntuación total) e de comprensión e expresión escrita (outro 50%) co fin de acreditar o nivel lingüístico A1, A2 ou B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas.
Para acadar a certificación, os estudantes terán que superar as probas do Exame de Portugués Lingua Estranxeira Camões Júnior, pero non terán que desprazarse para facelo, senón que as farán desde o seu centro educativo a través dunha plataforma electrónica.
O Instituto Camões será o encargado da organización e xestión das probas, que se que de forma xeral se levarán a cabo nas instalacións de cada centro educativo nas datas acordadas entre ambas partes.