Insua celebra o 25 de outubro a XVII Tasca do Liño para manter viva a tradición

A parroquia de Insua, no concello de Vilalba, acollerá o vindeiro 25 de outubro a XVII edición da Tasca do Liño, unha cita xa consolidada que ten como obxectivo recuperar e poñer en valor o traballo artesanal e a memoria colectiva arredor do liño, un material que durante séculos foi abrigo, sustento e símbolo de identidade nas aldeas galegas.
Organizada pola Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu de Insua, coa colaboración do Concello de Vilalba, a Deputación de Lugo e o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD), a xornada combinará demostracións, música, gastronomía e artesanía.
O programa comezará ás 11:00 horas coa apertura oficial e o pregón a cargo de Antón Tenreiro Ferreiro, activista político e artístico-cultural. A partir das 12:00 celebrarase a primeira demostración da Tasca do Liño, seguida, ás 13:00 horas, dunha entrevista con Manuel Rodríguez Calviño sobre “Os espadeladores do liño”. Ás 14:00 terá lugar un xantar popular a cargo do cátering Chao da Brea.
Pola tarde, a festa continuará cunha actuación do grupo tradicional Mestura de Nete ás 16:30 e unha nova demostración da Tasca do Liño ás 17:30. Ás 18:00 haberá unha degustación do “cacho” e ás 18:30 comezará a verbena galega “D’antes” co grupo de baile O Xeito e o grupo de música Airinhos da Freba. A xornada rematará ás 20:00 co espectáculo da queimada dirixido por Manolo Ferreiro.
Durante todo o día desenvolveranse obradoiros participativos de tinguidura por reserva Tie Dye, estampación en papel reciclado e cerámica, a cargo de Amor ó Teu, Peixesapo e La Bellota Mágica. Tamén se poderá visitar unha exposición de traxes do CENTRAD da Deputación de Lugo, ademais de postos de artesanía en vivo e a tradicional elaboración de filloas de Muimenta.
A XVII Tasca do Liño promete ser unha viaxe ao corazón da memoria colectiva, onde o saber das mulleres e o espírito comunitario volverán a dar vida a unha das tradicións máis queridas da Terra Chá.