Insua celebrará as festas de San Bartolomé os días 22, 23 e 24

A parroquia de Insua, en Vilalba, prepárase para celebrar por todo o alto as súas tradicionais festas en honra a San Bartolomé durante os días 22, 23 e 24 de agosto de 2025.
O programa inclúe tres xornadas cheas de música, gastronomía e tradición relixiosa que reunirán a veciñanza e visitantes nun ambiente festivo e familiar.
O venres 22, a partir das 22:00 horas, comezará a festa cunha liscada e chourizos gratis para todos os asistentes. A verbena correrá a cargo do dúo “La Hora Bruja”, que animará a noite coa súa música.
O sábado 23 haberá misa solemne ás 13:30 horas, seguida dunha sesión vermú a cargo do Trío Mar de Caión. Pola noite, repetirán actuación no campo da festa, acompañados do grupo Tania Veiras e Los Cumbiapop, que garantirán unha noite de verbena intensa e variada.
As celebracións rematarán o domingo 24 cunha nova misa solemne e procesión ás 13:30 horas, seguida dunha sesión vermú amenizada polo dúo Venus, que porá o broche final a estas festas patronais.