Integran o Muíño do Pan de Baamonde no Sistema Galego de Centros Museísticos
A Xunta de Galicia integra o Centro de Interpretación do Muíño do Pan de Baamonde no Sistema galego de centros museísticos. Así se acordou hoxe no Consello, onde se deu luz verde á incorporación deste espazo do concello lugués de Begonte que está xestionado pola Asociación Centro Recreativo Cultural e Deportivo de Baamonde.
O Consello autoriza esta decisión tras a avaliación dos informes que verifican o cumprimento dos requisitos exixidos para formar parte da rede galega de organismos expositivos que xestiona o Goberno autonómico e que, na actualidade, suma un total de 89 institucións, das cales 69 son museos e 20 son coleccións museográficas.
Así, o Muíño do Pan de Baamonde é un ben construído seguindo a arquitectura tradicional da Terra Chá que se atopa no espazo natural da ribeira do río Parga. Grazas ao proceso de rehabilitación levado a cabo pola entidade que o xestiona, na actualidade, este espazo confórmase como unha aula en que se ensina o seu funcionamento e onde, a través de paneis informativos, se proporcionan as claves da súa historia. Deste xeito, ponse en valor o carácter etnográfico do oficio de moer para obter a fariña que está estreitamente vencellado ás tradicións e ao contexto social do rural galego nesta localidade da provincia de Lugo.
O organismo titular do muíño conta cun plan de difusión de actividades con visitas guiadas, obradoiros, cursos ou rutas de sendeirismo, así como a promoción do uso deste espazo como entidade cultural a través de encontros, presentacións de libros e conferencias. Deste xeito, a súa inserción ao Sistema galego de centros museísticos permitiralle continuar con esta programación mediante o acceso a liñas de axudas públicas, a participación en accións formativas de interese para as súas iniciativas, o acceso a propostas colaborativas ou a actividades itinerantes promovidas pola Administración autonómica.