Intercambio de reproches no pleno provincial polo caso Tragsa, sen consenso nin apoio á moción do PP

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Tras un debate intenso, o grupo socialista acusou ao PP de “falsear a realidade, deturpar os feitos e sementar dúbidas sen fundamento”
pilar-garcia-porto-pleno-deputacion
25 Feb 2026

A Diputación de Lugo rexeitou este martes a moción do Partido Popular que motivou a convocatoria dun pleno extraordinario ao remate da sesión ordinaria. A iniciativa reclamaba a execución dunha sentenza do Tribunal Supremo e a reincorporación de 16 traballadores, no marco das contratacións coa empresa pública Tragsa.

Tras un debate intenso, o grupo socialista acusou ao PP de “falsear a realidade, deturpar os feitos e sementar dúbidas sen fundamento”. A portavoz do Goberno provincial, Pilar García Porto, asegurou que o fallo xudicial non invalida nin os encargos realizados nin impide continuar a colaborar con Tragsa como medio propio da institución. Segundo explicou, a sentenza limítase a indicar que a decisión inicial debía adoptarse en pleno e non por decreto, un defecto que —engadiu— quedou emendado en abril de 2022 coa ratificación expresa do pleno tanto da adquisición da acción como dos encargos efectuados.

García Porto lembrou tamén que ese acordo plenario foi impugnado polo PP, pero o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Lugo desestimou integramente o recurso e avalou a actuación da Deputación. Ao non presentarse recurso posterior, a resolución é firme, o que, ao seu xuízo, garante plena seguridade xurídica. En relación coa memoria económica, sinalou que os tribunais concluíron que non era esixible neste caso, ao tratarse dunha empresa pública estatal e non dunha sociedade dependente da Deputación.

Pola súa banda, o PP reclamou o cumprimento estrito da sentenza do Supremo, cualificada de “histórica”, e criticou que a presidenta Carmela López non apoiase a moción para reincorporar os 16 traballadores afectados. Antonio Ameijide acusou ao Goberno provincial de seguir as directrices do anterior presidente e de incumprir un fallo que, segundo dixo, declara ilegal a adquisición dunha acción de Tragsa e a posterior encomenda de xestión por invadir competencias do pleno.

Os populares sosteñen que a resolución fixa xurisprudencia para as administracións locais e evidencia unha xestión contraria á legalidade por parte de PSOE e BNG. Lembraron ademais que xa en 2019 advertiran da suposta ilegalidade dun proceso que, afirman, provocou o desmantelamento de Suplusa e a saída de traballadores cuxa situación continúa sen resolver. A seu entender, a sentenza anula os acordos adoptados e obriga a revisar a xestión dos servizos afectados.

Na súa proposta, o PP defendeu dar por rematados os encargos a Tragsa e asumir directamente o mantemento das zonas verdes, subrogando ao persoal na Deputación. Ameijide insistiu na necesidade de garantir os dereitos laborais e cualificou o caso como un “exemplo de mala praxe política”.

A presidenta da Deputación explicou que desde o inicio do mandato solicitou informes económicos e xurídicos para analizar o asunto con garantías, e subliñou que a institución conta cun informe da Asesoría Xurídica que avala a súa posición. En canto á situación do persoal, a portavoz lembrou que existe un procedemento aberto no Xulgado do Social número 1 de Lugo e considerou irresponsable adoptar decisións políticas mentres non haxa resolución xudicial firme nin crear expectativas entre os traballadores.

Finalmente, a Deputación reiterou que continuará actuando “con rigor e dentro da legalidade”, garantindo a prestación dos servizos públicos e a estabilidade institucional en defensa dos intereses da provincia.

0.18307185173035