Investimentos deportivos na provincia de Lugo

TerraChaXa
A Xunta de Galicia inviste 2,1 millóns de euros en accións de promoción do deporte na provincia de Lugo, entre iniciativas directas como as axudas aos deportistas, patrocinios ou obras de mellora de instalacións e equipamentos e outros apoios indirectos como os dirixidos ao sostemento da actividade das distintas federacións deportivas con presenza na nosa provincia.
4 Jan 2018

A Xunta de Galicia inviste 2,1 millóns de euros en accións de promoción do deporte na provincia de Lugo, entre iniciativas directas como as axudas aos deportistas, patrocinios ou obras de mellora de instalacións e equipamentos e outros apoios indirectos como os dirixidos ao sostemento da actividade das distintas federacións deportivas con presenza na nosa provincia.

Neste cómputo global ten un peso específico o programa Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar, Xogade, no que participan 16.500 nenos e nenas da provincia de Lugo. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou que “esta é unha clara aposta polo deporte base, unha iniciativa coa que pretendemos inculcar nos nenos a práctica do deporte e, con elo, hábitos saudables e valores que os acompañarán durante toda a vida”.

En Xogade conviven 26 modalidades diferentes, divididas en "actividade deportiva escolar" e "actividade deportiva federada" con competicións de carácter local, provincial e autonómico na maioría dos casos. O desenvolvemento deste programa na provincia de Lugo implica un desembolso económico de 367.600 euros.

Igualmente, a Secretaría Xeral para o Deporte destina 330.700 euros ao patrocinio de 8 eventos deportivos na provincia e 14 subvencións para equipos de primeira e segunda división. Entre os eventos destacables atópanse o rally San Froilán e as subidas a Chantada e A Pontenova, así como carreiras e campionatos de distintas especialidades.

Por outra banda, inviste 292.000 euros en subvencionar a actividade de 163 clubs e agrupacións deportivas da provincia, así como a deportistas lucenses de alto nivel, incluíndo a estadía de tres deles no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Finalmente, a Xunta sufragou no presente ano obras de mellora de infraestruturas deportivas por importe global de 287.358 euros. O investimento máis destacado foi o convenio recentemente asinado para impulsar o circuíto deportivo de Outeiro de Rei, para o que a Xunta achegará 157.000 euros. Tamén, melloráronse os campos de fútbol de Pantón e Guntín, a pista deportiva do Saviñao, a cuberta e as gradas do pavillón de Ribas de Sil, a iluminación do de Pedrafita do Cebreiro, e realizáronse obras de eficiencia enerxética no de Trabada e a pavimentación do acceso ao campo de Friol.

Ademais, segundo explicou Balseiro, a Xunta distribuíu 3,6 millóns de euros en convenios con 58 federacións deportivas galegas para o desenvolvemento de actividades en todo o territorio, dos que entorno a 900.000 euros repercuten nas distintas actividades da nosa provincia.

0.16307091712952