“Investimos 787.000 euros no rural e desbloqueamos a ampliación do Polígono”

TerraChaXa
Modesto Renda fai balance do 2024 e asegura que 2025 será o ano do PXOM
modesto-renda
29 Dec 2024

A ampliación do Polígono era a prioridade de Vilalba Aberta na oposición. Agora que vostede é o responsable de Desenvolvemento Industrial, está satisfeito co acadado?

Vilalba levaba demasiados anos deixando pasar empresas e postos de traballo a consecuencia da non dispoñibilidade de chan industrial. Unha das condicións que puxemos enriba da mesa para entrar no Goberno foi a creación dunha concellería de desenvolvemento industrial e que esta fora xestionada directamente por Vilalba Aberta. Dende o día un da lexislatura este expediente foi unha prioridade para nós e pouco máis dun ano despois está xa na fase previa á aprobación provisional.O desbloqueo produciuse nunha recente reunión na sede da Confederación Hidrográfica do Miño Sil. O noso obxectivo como goberno era clarificar cos seus responsables os parámetros de vertido e acadámolo. Porque a cuestión da depuración era decisiva para acadar os necesarios permisos e agora, toda vez que o equipo redactor envíe á Confederación as novas cifras e o expediente volva a pasar polo Pleno, o “Sector 1” (Fase primeira desta nova ampliación) quedará resolto para licencia directa e o “Sector 2” (Fase segunda) figurará como un planeamento non detallado que habería que resolver no futuro como un plan especial. Deste xeito, o Concello de Vilalba porá a disposición de empresas e autónomos máis de 234.677m2 de solo industrial, quedando previstos para una segunda fase outros 104.750m2.

Outra das súas máximas na oposición era que nas parroquias ten que haber a mesma inversión que no casco urbano. Logo dun ano como responsable de obras no rural, que balance fai ao respecto?

Pois que, coas cifras por diante, acadámolo; pero que nin moito menos é suficiente. Dende que Vilalba Aberta chegou ao goberno destináronse 787.000€ ás parroquias cun balance de 38 km de viais municipais totalmente rexenerados e 40 km de cunetas abertas de novo. Ademais, investíronse 23.000€ na mellora de camiños agrícolas; 47.000€ na reconstrución da Ponte da Ribeira (Samarugo) e 15.000€ no agardado aparcadoiro da Igrexa e a Escola de Román. Con todo, no rural falta moitísimo por facer e neste 2025 a nosa obriga e aumentar estes investimentos pois, se ben os veciños/as das parroquias pagan os mesmos impostos que os que vivimos na vila, durante demasiado tempo foron os grandes esquecidos.

Que me di do Urbanismo? Na oposición vostede reclamaba seguridade xurídica pola vía da aprobación do PXOM e o fin das trabas administrativas.

Asumín persoalmente a área de Urbanismo co obxectivo de desbloquear o PXOM, logo de máis de 20 anos de espera e, sen lugar a dúbidas, podo afirmar que o 2025 será o ano do Plan Xeral. Ademais, os cambios que introducimos e o grande esforzo de todo o departamento fixo que en Vilalba as licenzas de actividade e obras estean despois de moito tempo ao día e iso faime estar moi orgulloso.

E pechando con outra das áreas de goberno que xestiona, concretamente a área de Mobilidade: Máis dun mes despois, que balance fai do cambio de dirección da Rúa da Pravia, en tanto que unha das súas principais promesas electorais?

Como responsable de Mobilidade non podo máis que poñer en valor o civismo e a predisposición da veciñanza. O traballo da Policía Local foi fundamental tanto nas horas previas como nas seguintes á súa modificación e o reforzo que fixemos coa colocación con valos informativos en diferentes puntos do casco urbano fixo o resto. O que me trasladan día a día veciños/as, comerciantes e residentes e máis que positivo e agora o obxectivo do Concello debe ser o da ampliación das prazas de aparcamento no centro urbano.

0.16093492507935