Investirán 403.000 euros para o futuro Centro da Tornaría de Xermade

TerraChaXa
A subdelegada confirma en Xermade o investimento de 403.000€ para o futuro Centro Internacional da Tornaría da Transición Xusta
centro tornaria xermade subdelegada2
23 Mar 2023

Esta achega enmárcase na convocatoria de axudas que o Instituto para a Transición Xusta vén de resolver e que teñen como obxectivo financiar proxectos en zonas afectadas polo peche das centrais térmicas.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou hoxe en Xermade o impulso do Goberno de Pedro Sánchez aos concellos da provincia que están inmersos no proceso de transición xusta e que se exemplifica na axuda de 403.000 euros que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico acaba de conceder ao Concello de Xermade para rehabilitar integramente a antiga casa reitoral e convertela no futuro Centro Internacional da Tornaría do municipio. Este investimento enmárcase na convocatoria de axudas que o Instituto para a Transición Xusta vén de resolver e que teñen como fin financiar proxectos en zonas afectadas polo peche das centrais térmicas.

Isabel Rodríguez visitou a localidade, acompañada do alcalde, Roberto García; a vicerreitora da Universidade da Coruña e a arquitecta do proxecto, Amparo Casares e Luz Paz Agras; e de torneiros de madeira da zona, para supervisar os traballos que se van a financiar con cargo a este plan estatal. Deste xeito, a subdelegada informou que se acondicionará o edificio, situado no núcleo de Xermade, para crear un centro que sirva como plataforma para a exposición e divulgación deste oficio tradicional, ao tempo que se utiliza como sala multiusos, moi demandado pola veciñanza, para albergar conferencias, xornadas, cursos ou presentación de diferentes tipos de actividades. Ademais, na parcela habilitarase un pequeno aparcamento de vehículos e bicicletas, e contémplase a plantación dun bosque con árbores autóctonas.

“Demostramos, unha vez máis, o compromiso deste Goberno polo rural e a loita contra o despoboamento, achegando infraestruturas e servizos fundamentais aos veciños e veciñas que viven nestas localidades, dando oportunidades reais de desenvolvemento e de emprego aos concellos que afrontan o cese de actividade das centrais térmicas. Seguiremos dando pasos en firme cun obxectivo claro, dinamizar economicamente esta comarca da provincia”, subliñou a subdelegada.

Isabel Rodríguez felicitou ao rexedor pola consecución desta axuda coa que o Concello materializará unha iniciativa na que ten postos moitos esforzos, xa que no 2021 adquiriu a casa reitoral e no ano 2022 asinou un convenio de colaboración coa Universidade da Coruña para a posta en marcha do proxecto.

“Grazas a este importante investimento do Goberno dámoslle unha segunda vida ao patrimonio arquitectónico do municipio, rehabilitando un edificio que consolidará a Xermade como referente da tornaría da madeira, un vínculo moi arraigado nesta zona da Terra Chá, que permitirá visibilizar e poñer en valor o traballo dos torneiros e torneiras, creando sinerxías a través dun espazo para a produción, investigación e divulgación”, destacou Rodríguez, quen tamén incidiu en que se potenciará o sector forestal, do que a provincia de Lugo é líder en produción e exportación.

Redistribución do edificio

O Centro Internacional da Tornaría contará cun taller de torno na planta baixa, unha zona de exposición e actividade ligada á madeira na planta alta, un ascensor e aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida. Igualmente, o edificio será a sede do tradicional “Encontro Internacional de Torneiros de Madeira” que se celebra dende hai 22 anos e que reúne a centos de profesionais de dentro e fora de España.

O proxecto de rehabilitación contempla unha redistribución do edificio para acondicionalo para diferentes usos, unha mellora construtiva e da eficiencia enerxética, a través da impermeabilización e illamento térmico da cuberta e cerramentos, con materiais locais; a disposición de novas carpinterías con mellores prestacións térmicas; un novo sistema de drenaxe; novas instalacións de electricidade, iluminación, fontanería ou saneamento, entre outros traballos.

Así mesmo, dotarase dun sistema de aerotermia VRV, unha instalación de recuperación de calor de alta eficiencia, complementado coa instalación de placas solares no faldón sur da edificación. Por último, o centro contará con equipamento informático como ordenadores, pantallas e videocámaras.

40 millóns para proxectos empresariais

Isabel Rodríguez trasladoulle ao alcalde de Xermade a oportunidade da vindeira convocatoria de 40 millóns de euros que o Ministerio acaba de abrir para proxectos empresariais enfocados a xerar emprego verde e de calidade en zonas afectadas tamén polo peche de centrais térmicas. O Goberno dispón nas Pontes dunha Oficina de Transición Xusta para asesorar na presentación das solicitudes e acompañar na tramitación das mesmas.

centro tornaria xermade subdelegada1
0.16385197639465