Investirán no cambio á eficiencia enerxética na piscina da Pastoriza

TerraChaXa
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron a instalación
visita-natalia-piscina-pastoriza
Visita institucional á piscina da Pastoriza
30 Xul 2024

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o concello da Pastoriza para coñecer as actuacións de mellora da eficiencia enerxética que se prevé realizar no centro deportivo con piscina e que contan co apoio da Xunta. O Goberno galego colabora no proxecto cunha achega de 60.000 euros no marco da liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a concellos cunha poboación inferior a 15.000 habitantes.

Segundo explicou a directora xeral, vaise cambiar a caldeira de gasóleo por un sistema de dúas bombas aerotérmicas, o que permitirá un aforro enerxético do 40% así como unha considerable redución nas emisións de CO2.

As actuacións previstas enmárcanse na liña do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local deste ano, dotada con 5 millóns de euros e destinada á mellora da eficiencia enerxética dos edificios municipais, con prioridade para as instalacións deportivas. Na provincia de Lugo houbo 18 concellos beneficiarios, que recibiron achegas por un importe global de case un millón de euros.

A maiores da achega para as melloras no centro deportivo con piscina, neste exercicio A Pastoriza benefíciase tamén do apoio da Xunta para melloras da rede de abastecemento municipal e para os gastos de contratación do persoal para mantemento de espazos naturais na Mancomunidade da Terra Cha e da brigada de apoio aos servizos municipais da rede de abastecemento, conxunta con Riotorto. Estes financiamentos suman preto de 125.000 euros no marco no Fondo de Compensación Ambiental, dotado con máis de 12 millóns de euros e destinado a accións que repercutan na mellora da contorna natural.

Nos últimos anos o Goberno galego investiu preto de un millón de euros en proxectos impulsados polo concello da Pastoriza a través de distintas liñas de apoio ás administracións locais. Así, o ano pasado financiáronse o equipamento do Centro de Interpretación Alto Miño e Fonmiñá e o anteproxecto para a instalación de contadores nos mananciais de captación, e o persoal para mantemento dos espazos naturais da Mancomunidade da Terra Cha, así como a renovación da capa de rodaxe de diferentes vías nunha iniciativa conxunta con Meira a través do Fondo de Compensación Ambiental e da Orde de infraestruturas de uso público. O orzamento global sumou máis de 100.000 euros. A maiores, só en 2023 a localidade recibiu preto de 250.000 euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local.

Natalia Prieto referiuse á aposta que está a facer a Xunta polo impulso da eficiencia enerxética nas infraestruturas públicas, cunha liña específica de axudas no marco do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

A directora xeral incidiu tamén no compromiso da Xunta cos concellos a través de diversas medidas que facilitan melloras en infraestruturas e servizos locais básicos para a veciñanza. Así, neste exercicio o investimento autonómico para apoiar as administracións locais supera os 600 millóns de euros. O obxectivo é favorecer o equilibrio territorial e garantir a calidade de vida da poboación galega con independencia do seu lugar de residencia.

0.14848017692566