Investiranse 592.000 euros nas obras que estenderán a rede de abastecemento a nove núcleos de Cospeito
Investiranse 592.000 euros nas obras para estender a rede de abastecemento a nove núcleos do concello de Cospeito; o contrato xa foi adxudicado -á empresa Proyecon Galicia- e formalizarase en próximas datas. O prazo de execución dos traballos será de 11 meses.
Valoráronse diversos proxectos de colaboración, entre os que destacaron esta actuación que da continuidade ás actuacións que Augas de Galicia vén desenvolvendo nos últimos anos no municipio, como a construción da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Rabadá (Pino) ou a mellora no bombeo de captación de Feira do Monte.
O abastecemento de Cospeito está composto por dous sistemas independentes, o de Rabadá e o das Paincegas (Muimenta), asociado cada un deles a unha (ETAP) propia. As actuacións teñen como fin completar a rede de abastecemento mediante a extensión de conducións xerais e a colocación de puntos de cloración ou mecanismos para medir os caudais
O núcleo de Santa María de Cospeito conectarase co sistema da ETAP de Rabadá mediante unha tubaxe e servirá aos núcleos de Fonte, Paredes e Pelotato continuando ata a parroquia de Xermar. Executarase unha segunda condución xeral conectada co sistema da ETAP das Paincegas, que é a que abastecerá á parroquia de Roás. Así mesmo, prevese a instalación de ramais secundarios das principais conducións que darán servizo a outras zonas de Xermar, A Covela, A Insua, Rioveso-Santalla e A Fonte (na parroquia de Santa María de Cospeito).
Tamén se instalarán caudalímetros electromagnéticos para o control dos caudais subministrados á saída dos depósitos de Arneiro, Feira do Monte e Muimenta, e cadros de control para a centralización da información, toma e rexistro de datos. Debido á lonxitude da rede, inclúese a acometida dunha caseta, sobre a rede na zona de Momán, que albergará un depósito de polietileno.
A obra está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) nun 75%, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) Galicia 2014-2020.