Invisten 110.400 euros en mellorar as vías de catro parroquias vilalbesas

TerraChaXa
A Xunta renova accesos e travesías en Alba, Belesar, Rioaveso e Román
obras-parroquias-vilalba
23 Feb 2025

A Consellería do Medio Rural achega 110.400 euros para acondicionar vías municipais nas parroquias vilalbesas de Alba, Belesar, Rioaveso e Román con cargo ao plan de mellora de camiños para o período 2024-2025.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, comprobou as actuacións executadas no vial de 4,3 quilómetros que parte da N-634, en Alba, e atravesa os barrios das Turbelas, O Curro, Cordal e Meire ata finalizar na igrexa e o cemiterio de Belesar. Tamén se reparou un ramal que conduce a vivendas e parcelas agrícolas. Trátase dunha ramificación en dirección Norte cunha lonxitude de case 500 metros, que foi obxecto das mesmas intervencións que a vía principal.

As actuacións consistiron na limpeza e apertura de noiros para facilitar a saída da auga da calzada cara os terreos perimetrais; a renovación do pavimento e a colocación de sinalización vertical.

Os outros proxectos que se financian con cargo a esta convocatoria consisten no acondicionamento dunha vía de aproximadamente 1,1 quilómetros que dá acceso á Bardela, na parroquia de Román; e outra de 1,8 quilómetros entre a estrada autonómica LU-120 e o núcleo de Cartemil, nas inmediacións das parroquias de Román e Rioaveso.

O delegado territorial destacou que todas estas actuacións reforzarán a seguridade e a comodidade na circulación por estas vías que dan acceso a vivendas, parcelas agrícolas e explotacións agrogandeiras da zona.

Explicou que o plan de mellora de camiños para os anos 2024 e 2025 suma 948.000 euros en achegas da Xunta aos concellos da Terra Chá e Meira para rehabilitar infraestruturas viarias municipais.

Por último, Arias apuntou que o Goberno galego activou unha nova convocatoria do Plan Camiña Rural para o período 2025-2026, dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. Serán subvencionables as actuacións de ampliación, mellora e mantemento de camiños.

Todos os concellos de Galicia poden ser beneficiarios destas axudas co cumprimento de dous requisitos principais. Deberán ter remitidas ao Consello de Contas as contas do último exercicio orzamentario antes do vencemento do prazo de presentación da solicitude e estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á débeda coa Administración Pública de Galicia.

Pártese dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación e outros criterios relacionados coa superficie e a localización do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.77614617347717