“Iremos ao rural para que os rapaces teñan a oportunidade de coñecer o rugby”

TerraChaXa
Entrevista a Alfredo Pintor Costoya, Teje, responsable do Club de rugby Capóns de Vilalba, creado o pasado ano
rugby capons vilalba11
9 Out 2022

Alfredo Pintor Costoya, Teje, responsable do Club Capóns de Vilalba, creado o pasado ano.

Cando naceu o club e como?

O club naceu o ano pasado a raíz do movemento Rugby no Rural, onde se intentaba achegar este deporte ao mundo do rural. E decidimos probar sorte en Vilalba, nos colexios Manuel Mato Vizoso e no Insua Bermúdez

A raíz do labor que fixemos de captación no mes de outubro como tivemos moi boa acollida, mediante as Anpas, formamos  dous grupos de traballo nos colexios. Tiñamos un total de 30 nenos entre os dous colexios e decidimos formar o club.

Como xurdiu a idea do nome?

Chamámonos Capóns Vilalba Rugby Club un pouco por analoxía, pois ao igual que a  selección francesa ten o 15 do galo porque o galo é un animal moi tradicional naquela zona, aquí escollemos o capón que nos representa moi ben.

Cantos equipos e cantos xogadores e de que categorías teñen?

Este ano metémonos dentro das escolas deportivas que comezaron o mércores 3 de outubro e estamos á espera de ver qué nenos se apuntaron, sabemos que hai un total de 19.

Nós adestraremos os martes e os xoves de 16.00 a 17.30 horas no campo de herba artificial do anexo da Magdalena, xa os temos asignado. Nenos temos en torno a 20 e 30. Consideramos que isto é un pasiño máis de pasar do colexios ao campo. Antes tiñamos bastantes limitacións por realizar os adestramentos en cemento (non podíamos ir ao chan, non podía haber contacto...) e agora por fin estamos nun campo de herba. A raíz diso, fixemos captación nos dous colexios de Vilalba e a parte fomos os dous colexios do rural: ao CEIP Moisenvane e ao Terra Cha de Román, con moi boa acollida en ambos. De feito nos dous centros pedíronnos que volvésemos e imos intentar chegar todo o ano ou polo menos unha vez ao mes (aínda non sabemos a periodicidade) para conseguir chegar a eles. Temos a proposta deles pero aínda non sabemos como darlle forma aínda que o que si que temos claro é que queremos ir ao rural e queremos darlle a oportunidade aos rapaces de que coñezan o rugby. Xa fixemos as sesións nos dous colexios con moi boa acollida por parte dos nenos, da Anpa e do colexio e agora estamos á espera un pouco dos nenos que se van apuntar ás actividades municipais deportivas.

E en competición?

Paralelamente, estamos adscritos dende o ano pasado á Federación Galega de Rugby. O que significa como escola de entre 6 e 12 anos hai catro categorías: en sub 6, sub 8, sub 10 e sub 12 imos seguir participando. Este ano vai ser a nivel Galicia xa que o ano pasado dividiuse en liga norte e liga sur e fíxose unha concentración conxunta en xuño na Estrada e non se reuniu toda Galicia por mor da covid-19.

Pero este ano vanse facer 11 concentracións en toda Galicia, con todos os equipos de Galicia e nós xa estamos adscritos para participar. Estamos buscando fórmulas con Muralla Rugby de Lugo, Astérix de Viveiro e Fendetestas das Pontes para que poidan participar en categorías os nenos de máis de 14 anos nun equipo conxunto en categorías de sub 14 e sub 16.

Como se presenta a tempada? Que obxectivos hai?

Estamos tendo moito apoio do Concello coas instalacións e as escolas deportivas municipais e nos negocios locais, tivemos unha acollida brutal. Formamos xa ao noso segundo técnico en Pontevedra, no curso de adestradores de world rugby nivel 1 organizado pola Federación Española de Rugby e o Instituto Galego de Rugby que pertence á Federación Galega. Formamos a un e o ano pasado formamos a outro e  tamén fixemos formación para catro nun curso da Federación Galega de Rugby nas Pontes. E a nosa idea é seguir coa formación continua.

Ademais da competición programan outra serie de actividades. De cales se trata?

Estamos tamén comezando un programa de valores de club, ao que lle chamamos Cultura de Club, no que lle estamos dando forma e poñendo en valor principios que queremos inculcarlle aos nenos coma: que se divirtan, que o pasen ben, e logo tamén está a inclusión, a igualdade, o respecto, o traballo en equipo.... en definitiva, o concepto de que o rugby é un deporte nobre e honrado (que non vale calquera cousa para conseguir a vitoria).

O ano pasado competiron entre equipos?

O ano pasado como equipo fomos a cinco concentracións da Federación Galega de Rugby e a nivel escolar, fíxose unha ao mes, de xaneiro a xuño. Logo federámonos e asistimos ás concentracións de Viveiro, Lugo, Coruña, As Pontes e A Estrada...

E cal foi a resposta dos rapaces?

A resposta foi incrible porque ao final os rapaces ven que hai máis nenos xogando. A verdade é que o rugby é un deporte que está en auxe, temos a moita xente cerca que o practica. Fixemos encontros xuntos: o ano pasado un trofeo en Vilalba no mes de novembro onde asistiron todos e o día 3 de setembro fixemos o primeiro torneo San Ramón de Vilalba, que foi todo un éxito.  Participaron arredor de 65 nenos.

Seguen na liña de non centrarse só na competición?

Ata o de agora viñamos xogando unha vez ao mes ou cada mes e medio. O que buscamos é facer sinerxias cos grupos locais para así poder cubrir o calendario de competicións. Se agora tiñamos unha competición ao mes, pois a partir de agora poder reunirnos cada 15 días cun club veciño para que non cese a nosa actividade (que os nenos collan o hábito). Estámolo planificando e xa temos feito un calendario para que os nenos non paren. Reunímonos recentemente este sábado 1 de outubro nunha mini concentración en Ferrol onde asistimos Fendetestas, Asterix e Muralla.

Contan con axuda para manter o club activo?

Apóianos moito o empresario local. A nivel económico principalmente, hai tres modalidades: o socio base, o colaborador ou patrocinio na camiseta. E a verdade que moi ben, a resposta foi moi boa. A nivel Concello estannos axudando coas instalacións como xa dixemos e incluso coas escolas deportivas municipais. Dende o punto de vista económico non. E despois pois tódolos socios de a pé, o socio base, bótanos unha man e colabora dunha ou doutra maneira.

"Temos demasiada pouca infraestrutura para acaparar un equipo sénior ou feminino, que tamén é outra opción"

Prantexádesvos a idea de constituír un equipo sénior?

Por agora non, centramos isto como unha escola xa que tampouco contamos nin con infraestruturas suficientes nin con suficiente persoal formado (só temos a dous técnicos e estou eu que actualmente son adestrador, seleccionador galego sub 16 e estou metido no instituto galego de rugby). Temos demasiada pouca infraestrutura para acaparar un equipo sénior ou feminino, que tamén é outra opción.

Que nos pode dicir da afección?

Ao final as cousas funcionan porque os pais colaboran, ao final o delegar é primordial e que cada un atope o seu sitio tamén. Cada un está acatando unha tarefa, na xunta directiva todos estamos de acordo e imos no mesmo fío, todos están asumindo o seu rol e somos moi positivos. Vemos que a cousa avanza e iso axúdanos a seguir, todo é positivo xa que aos nenos vémolos contentos, a acollida foi moi boa a nivel colexios, a nivel pais, a nivel institucións, a nivel empresarios locais, a nivel federación, a nivel dos outros equipos... entón estamos nunha roda que está a medrar continuamente.

Que necesidades ten o club?

A nosa necesidade primordial é integrarnos como unha actividade máis dentro do concello, estamos medrando moito pero para continuar nesta liña quizais sería bo que houbese máis axudas xa que é unha cousa que está en auxe. Refírome a axudas en canto á formación, para poder ter acceso a mellor material ou a infraestruturas máis completas. E o que tamén estamos buscando para poder facilitar a conciliación familiar a tódolos pais, e dende o club facemos un chamamento, é unha empresa local de autobuses que poida facilitar un medio de transporte ao club e recolla aos nenos á saída do colexio para levalos ata o campo de adestramento. Iso facilitaría moito a vida dos pais e tamén dos nenos.

rugby capons vilalba7
rugby capons vilalba9
rugby capons vilalba5
rugby capons vilalba2
rugby capons vilalba4
rugby capons vilalba6
rugby capons vilalba8
rugby capons vilalba3
rugby capons vilalba1
0.20722794532776