Irimia a anuncia para Cospeito unha nova etapa "feminista, colaborativa e pragmática"
O candidato socialista á Alcaldía ofreceu un mitin en Muimenta, onde aposta pola humanización da Avenida Río Miño; a construción dunha praza-aparcamento fronte ás vivendas sociais; poñer a disposición da veciñanza o polideportivo; apoiar aos principais clubs deportivos e ás asociacións culturais; crear unha rede wifi na praza da localidade; puntos de recarga dos coches eléctricos e impulsar o polígono.
O candidato socialista á Alcaldía de Cospeito, Daniel Irimia Yáñez, ofreceu este mércores un mitin na Casa da Cultura de Muimenta. Un acto que contou coa presenza da alcaldesa e candidata á reeleción polo PSdeG en Vilalba, Elba Veleiro, e o deputado provincial e Tenente Alcalde de Láncara, Pablo Rivera Capón, entre outros alcaldes e alcaldesas, candidatos e candidatas, militantes e simpatizantes, ademais de veciños do municipio e da comarca chairega.
Irimia avanzou que abre "unha etapa feminista, colaborativa e pragmática" ademais de "esperanzadora, sabendo que a esperanza radica na vontade e no compromiso político firme cos veciños e veciñas de Cospeito, cos maiores que nos deron todo e coa xuventude, que é o presente".
O alcaldable marcou as súas prioridades, que son "os servizos públicos de calidade, medidas para revitalizar o rural, para favorecer a conciliación, ampliar o Servizo de Axuda no Fogar, apoiar ás persoas maiores, sacar adiante o PXOM, poñer en marcha o polígono ou dinamizar a vida social, cultural e deportiva de Cospeito", como expuxo no encontro socialista.
En concreto, para Muimenta, detallou que, entre as súas accións de goberno está apostar pola humanización da Avenida Río Miño e a construción dunha praza-aparcamento fronte ás vivendas sociais. Irimia considera que é importante poñer a disposición da veciñanza de Muimenta o polideportivo, ao tempo que apoiará economicamente aos principais clubs deportivos desta parroquia e tamén ás asociacións culturais.
Outra das medidas que expuxo foi a creación dunha rede wifi na praza de Muimenta que permita o acceso libre a internet e a instalación de puntos de recarga dos coches eléctricos.
Así mesmo, o candidato ve necesario realizar un maior mantemento e dotación de máis servizos no polígono de Muimenta para que “non se converta nun polígono fantasma”.